O comité de persoal do Concello de Vigo desenvolveu este mércores unha concentración ás portas do consistorio para denunciar o que consideran como «proceso de desmantelamento dos servizos públicos como consecuencia da caótica xestión” en materia de recursos humanos por parte do goberno local. Durante a protesta reclamouse a dimisión da conselleira responsábel do persoal municipal, Elena Espinosa.
Nun comunicado emitido pola central sindical CIG sinalan que dende a representación dos traballadores, na que por primeira vez todos os sindicatos coinciden, consideran que esta situación veuse agravada “de maneira moi significativa desde o inicio do presente mandato corporativo coa designación de Espinosa» á fronte da Concellería de Economía, Seguridade e Organización Municipal.
Acusan a actual responsáble de recursos humanos de amosar «unha constante actitude de desprezo ao comité, facendo gala dunha inxustificábel ausencia das máis elementais regras de cortesía institucional ante o máximo órgano de representación das traballadoras do Concello de Vigo”.
Lembran que no mes de febreiro solicitaron unha reunión co alcalde para expresarlle as inquedanzas do comité en relación ao colapso dos servizos públicos, “reunión que reiteramos a semana pasada de xeito urxente, mais non obtivemos resposta”.
É por iso que optaron por facer públicas as deficiencias na xestión de recursos humanos “que precarizan o traballo das empregadas do Concello de Vigo e, en consecuencia, provocan a privatización dos servizos públicos”.