O Concello de Vigo reclamará á Xunta a modificación da Lei 3/2013 -coñecida como ‘Lei Vigo’ -para que a súa aplicación poida ser solicitada polos concellos e, singularmente, polo olívico. Para o alcalde, Abel Caballero, resulta “sorprendente” que esta normativa poida ser solicitada por outras entidades como o Ifevi ou a Zona Franca pero non por administracións locais, o que lles permitiría executar de forma urxente proxectos de interese xeral non recollidos no PXOM.
O rexedor vigués censurou que o Concello teña que recorrer a unha tramitación de dous anos para reformar os accesos do colexio Párroco don Camilo ao serlle negada polos tribunais a posibilidade de aplicar esa lei. Na súa opinión, non é de recibo que requira a mesma tramitación o proxecto que propón o Concello de Mos para o Celta que un camiño de 50 metros co que se quere dar seguridade aos alumnos dun centro educativo.
Co obxectivo de evitar este tipo de “bloqueos”, a concelleira de Urbanismo, María José Caride, vén de escribirlle unha carta á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Ángeles Vázquez, na que lle solicita un cambio na lei introducindo unha modificación do artigo único para que Vigo e o resto dos 312 concellos galegos poidan solicitar a aplicación da normativa.