A primeira tenente de alcalde e concelleira de ensino, Cristina F. Davila, informou este sábado da consecución dunha subvención de 199.377,25 euros para acometer obras de reforma e eficiencia enerxética nas escolas de Areas, Moreira, Parada (Xinzo), Pías e Ribadetea, integradas no Colexio Rural Agrupado.
O Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE), do Ministerio de Transición Ecolóxica, aprobou o proxecto para mellorar a eficiencia enerxética de cinco escolas unitarias integradas no CRA. As actuacións están valoradas en 269.004,31 €, dos que o Concello aporta 69.627,06 €
Como explica a concelleira nacionalista, «concretamente, mellorarase o illamento térmico nas fachadas e cubertas das escolas, así como a substitución de carpinterías exteriores, co que se reducirá o consumo enerxético e as emisións de dióxido de carbono». A previsión é dunha redución no consumo que vai dende o 33% no caso de Moreira ata un 55% na unitaria de Pías. Actúase así sobre o obxetivo (ODS) específico europeo de eficiencia enerxética na edificación e nas infraestruturas e servizos públicos.
O Concello de Ponteareas, municipio con máis de 23.000 hab., onde máis de 11.000 teñen o seu enderezo nas parroquias, conta con dous CEIPS no rural e seis escolas rurais.
O goberno municipal, a través da Concellaría de Ensino, vén de facer nos últimos cinco anos unha aposta clara para consolidar e mesmo aumentar o alumnado destes centros educativos tan senlleiros realizando importantes esforzos en proxectos de reformas de toda índole e dotándoos con servizos para a conciliación como a aula matinal que xa leva funcionando no CRA A Picaraña dous anos.
“Estes centros rurais son un privilexio neste momento de emerxencia sanitaria xa que teñen unha ratio inferior por aula aos centros da vila, propiciando unha escolarización dos máis cativos e cativas no seu ámbito familiar e cercano”.
Nas escolas unitarias do rural están matriculados 79 nenas e nenos que se beneficiarán desta mellora, garantindo a continuidade destas instalacións para o futuro nas mellores condicións, e reforzando a aposta do goberno municipal polos servizos no rural.
Ao igual que no caso das axudas da estratexia “Ponteareas Hábitat Saudable” a subvención do IDAE procede de fondos europeos. Neste caso a resolución favorable recibida polo Concello enmárcase dentro do programa operativo Feder 2014-2020, dentro da medida 1. Estas actuacións son tamén un dos compromisos do Pacto europeo das Alcaldías para a eficiencia enerxética, a redución de emisións de CO2 e a adaptación ao cambio climático, inquedanzas tamén manifestadas polo noso Consello da Infancia e Adolescencia”, manifestou o alcalde Xosé Represas.
En base ás condicións da concesión o goberno local de BNG e PSOE dispón de seis meses como máximo desde a notificación da resolución para iniciar a tramitación dos procedementos de contratación e un ano para formalizar as contratacións.