Este mércores 28 de outubro (20:30 horas) terá lugar a presentación do libro ‘So nin se ri nin se chora’ de Amadeo Cobas, editado por Editorial Elvira. No acto, que terá lugar na Escola de Deseño Aula D (Elduayen 36 -1), participarán o autor e o editor Xabier Romero. O evento cumprirá estritas medidas de seguridade ante a Covid-19, polo que será necesario confirmar asistencia no correo editorialelvira@gmail.com.
‘So nin se ri nin se chora’ é unha novela que se desenvolve nunha zona costeira de Galicia, que comeza no enterro de Breixo Besbello. A partir de aí a súa neta vai contando a historia da familia do seu avó, nun escrito no que domina a retranca. Non falta a crítica á sociedade, á política e a moitos dos sucesos do día a día, sempre con ese humor tan galego. Como galega é tamén a lingua que quere reflectir o autor, sendo fiel ao uso da gheada e seseo tan típico da zona.
O libro ten dúas edicións: unha de tapa branda e outra especial de tapa dura, de só 100 exemplares, que estarán numerados, asinados e contarán cunha sorpresa no interior.