O auditorio municipal do Concello de Vigo acollerá martes 3 de novembro (19:00 horas) a presentación do libro ‘1598: La peste en Vigo. El secreto del reclinatorio del prior’, escrito por Antonio Giráldez e editado por Editorial Elvira.
No acto participarán o autor, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o cronista oficial da cidade de Vigo, Ceferino de Blas, e o editor, Xabier Romero. A presentación cumprirá estritas medidas de seguridade provocadas pola Covid-19, cun aforo limitado que dende o pasado venres quedou cuberto.
Antonio Giráldez explica na contraportada como chegou ás súas mans un pergamiño encartado, que pertencía a un diario datado en 1598 asinado por Gregorio Servido, prior da Colexiata de Vigo.
“O pergamiño daba fe dunha época aciaga na nosa cidade e era a primeira peza dun quebracabezas que me levou a Portugal. Alí, ademais de saber de aspectos pouco coñecidos da guerra contra Napoleón, atopei a crónica máis antiga de Vigo escrita polo prior da Colexiata que gardada celosamente nun caixón do seu reclinatorio. O reclinatorio saíra do templo mentres duraron as obras de reconstrución tras a explosión dunha polvoreira en 1813, pero nunca regresara”, apunta.
Agora, esta etapa da historia de Vigo parece moi próxima: “Cando revivía co prior os anos de fame, guerra e peste de fins do século XVI, dinme conta de que eu tamén, en 2020, estaba a ser testemuña doutra epidemia que azoutaba a nosa cidade, o coronavirus”, sinala o historiador.