Hai xusto dez anos, Máis que Auga Coia abriu as súas portas. Foi o 1 de novembro de 2010 e só catro meses despois chegou o momento da apertura para Barreiro. «Máis que Auga está de aniversario e agora máis que nunca imos celebralo como se merece, con deporte, sorrisos, alegría, traballo e algunha sorpresa para todos os nosos abonados», aseguran os responsables do centro nun comunicado.
«A chegada de Máis que Auga á cidade de Vigo foi todo un acontecemento. Despois de case dous anos de obras e os veciños/as vendo crecer o centro, no mes de setembro abrimos a inscrición para o centro de Coia. A resposta foi impresionante, cunha enorme cola de xente esperando dende dúas horas antes de que se abrisen as portas. Así, no primeiro mes xa contabamos con 5.000 socios e tivemos que abrir unha lista de espera, que chegou a ser de preto de 4.000 persoas, e que foi baixando cando Máis que Auga Barreiro puido inaugurarse en febreiro de 2011. E case cinco anos máis tarde (setembro de 2015) chegou a instalación de Navia para completar a terna Máis que Auga», engaden desde Máis que Auga.
Nestes dez anos pasaron por MQA máis de 100.000 usuarios diferentes (socios, cursillistas, xogadores de pádel); hai actualmente 160 persoas empregadas de forma directa e a máis de 250 de forma indirecta (o 80% dos nosos provedores son locais); aprenderon a nadar máis de 30.000 vigueses; patrocinan deportistas e clubs locais; participan en eventos multitudinarios en colaboración co Concello de Vigo (San Silvestre, a Carreira Nocturna de Vigo, Correndo por Vigo no Calvario, Boot Camp…); colaboran con entidades benéficas e solidarias (Unicef, Banco de Alimentos, Protectora de Animais, AECC…)…
«E todo porque dende o inicio Máis que Auga tivo moi claro que non ía ser un ximnasio ou unha piscina máis. Máis que Auga asumiu un compromiso social coa cidade e cos vigueses e viguesas. Temos moi claro que a actividade física aporta enormes beneficios na nosa saúde e agora é máis necesario que nunca que os vigueses/as manteñan hábitos de vida saudables e deportivos, para protexernos de infeccións, virus e patoloxías crónicas», aseguran.