Un grupo de traballadores da Fundación Biomédica Galicia Sur forzou este xoves unha xuntanza co ministro de Sanidade, Salvador Illa, co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e co alcalde de Vigo, Abel Caballero, para trasladarlles a súa problemática laboral, en concreto a “precariedade” que padecen e a “falta de negociación” do convenio para as tres fundacións galegas de investigación sanitaria.
Segundo informou a CIG, persoal de Galicia Sur e membros do sindicato aproveitaron a visita dos tres dirixentes políticos ás instalacións do laboratorio de Microbioloxía no hospital Álvaro Cunqueiro para desenvolver unha concentración durante a que amosaron carteis nos que se podía ler “Investigación solución xa”, “Estabilidade laboral”, “Convenio xa” ou “Investigación en precario”.
En consecuencia, o máximo responsábel da sanidade española “viuse na obriga” de recibir a unha representación de traballadores, encontro no que tamén participaron o conselleiro e o alcalde. Por parte do persoal estiveron presentes as tres representantes da CIG no comité de empresa, Paula Cerezo, Ana Muñoz e Carlos Spuch.
Segundo explican, en primeiro lugar expuxeron a situación de estancamento na negociación do convenio para es tres fundacións galegas de investigación sanitaria e da precariedade xeral que hai arredor da investigación.
“O ministro díxonos que se facía cargo e que o entendía, pero que non era o seu ámbito, polo que se comprometeu a poñernos en contacto co ministerio de Ciencia e Innovación”, relatan.
O propio Salvador Illa compartiu nas súas redes sociais unha imaxe do encontro. “He tenido la oportunidad de intercambiar reflexiones con un grupo de jóvenes investigadores de biomedicina. Sin duda, la innovación sanitaria, la investigación y la transferencia de conocimiento es vital para mejorar la salud de la población”, escribiu en Twitter.
Pola súa banda, o conselleiro confirmoulles que xa tiñan designado substituto para a mesa negociadora, “e que en breve nos comunicarían unha data para retomar as negociacións”.