A vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, visitou este luns Mos xunto cos deputados nacionais Javier Bas e Diego Gago para expoñer a emenda que presentarán aos orzamentos do Estado para liberalizar a peaxe do tramo de 8 quilómetros entre Puxeiros e O Porriño da AP-9 e así desviar o tráfico da A-55.
Esta emenda nace a raíz da petición da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que participaba tamén na presentación desta petición xunto cos representantes do empresariado da provincia. No acto celebrado na Praza do Concello, xunto á A-55, Arévalo destacou que “no caso de Redondela está o exemplo de que si se quere, pódese, coa diferenza de que nese caso as motivacións son económicas e no caso de Mos están vidas en xogo”.
Pola súa banda, Ana Pastor declarou que “como saben levamos moito tempo traballando pola competitividade das empresas de Galicia en xeral e de Vigo e comarca en particular, e para elo son fundamentais unhas óptimas vías de comunicación, máis aínda nestes tempos de pandemia”. Pastor incidiu no gran nivel de afección de Mos por parte de distintas e numerosas infraestruturas asegurando que “é un concello que dá moito e recibe pouco”.
Así mesmo, recoñeceu “o acerto da alcaldesa ao pedir esta emenda porque a gratuidade deste tramo é a solución máis inmediata, ao atoparse o proxecto do túnel na A-55 paralizado desde fai máis de dous anos” e asegurou que “imos tentar que esta emenda sala para adiante e que se lle asigne unha partida cunha consignación orzamentaria específica á liberalización da peaxe nestes 8 quilómetros da AP-9, porque desde logo se hai algún tramo en España que verdadeiramente o necesita, é este”.
Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) declarou que “as vías de comunicación son fundamentais para a competitividade empresarial e máis en tempos de Covid-19, e os empresarios de Pontevedra non podemos seguir soportando nin os custes da peaxe, nin os puntos negros da autovía máis perigosa de España e a única na que hai que circular a 60 quilómetros por hora” e lamentou “o agravio comparativo entre o noroeste de España e outros lugares do territorio español” e fixo un chamamento a que “todos os deputados do Parlamento galego, independentemente da súa cor política, apoien esta iniciativa para eliminar o agravio histórico que existe co noso territorio”.
Arévalo destacou “a importancia do noso obxectivo de desviar o tráfico da estrada máis perigosa de España, xa que é a liberación da peaxe da AP-9 a solución máis inmediata e máis eficaz a curto prazo para evitar accidentes, atascos, feridos e mortes”. Conseguir a liberalización do traxecto da AP-9 entre Puxeiros e O Porriño resulta de máxima prioridade para os veciños de Mos e comarca así como os que acceden a Vigo procedentes da Meseta e Portugal.
Aínda que o Ministerio de Fomento ten proxectado un túnel que permita reducir drasticamente o tráfico no traxecto referido da A-55, este proxecto está nunha fase inicial non resolve o problema a curto-medio prazo.