A vixilancia do cumprimento das novas medidas restritivas que o sábado entraron en vigor en Tui xunto á restrición á mobilidade de 23.00 a 06.00 horas centraron as actuacións da Policía Local durante a fin de semana. Os axentes tramitaron 6 denuncias polo incumprimento do toque de queda, polo peche perimetral e por viaxar nun mesmo vehículo persoas non convivintes, algo que non está permitido na vila dende o sábado.
Cómpre lembra que Tui é, xunto a Cangas e Ponteareas, unha das vilas illadas dentro da área metropolitana de Vigo. As tres quedaron fóra desa zona de mobilidade que conforman Vigo, Redondela, Mos, O Porriño, Nigrán e Gondomar ao ter unha situación epidemiolóxica semellante.
Os funcionarios da Policía Local realizaron o control de máis de 500 vehículos tanto no entorno da vella Ponte Internacional coma noutros puntos da cidade para comprobar o cumprimento do peche perimetral. Os policías informaron a moitos condutores procedentes de Portugal das novas medidas establecidas en Tui polas que non se pode acceder ao municipio, salvo nos casos establecidos.
Ademais, tanto a liña fixa coma a móbil da Policía Local chegaron a colapsar na fin de semana ante as numerosas consultas recibidas tanto dende Galicia coma dende Portugal sobre as novas medidas restritivas que están vixentes. Foron máis de 300 as dúbidas trasladadas ao corpo municipal.
Igualmente, na noite do sábado os axentes deron o alto a dous vehículos cuxos condutores deron positivo no control de alcoholemia e incumpría o toque de queda. Ás 23.20 horas, na rotonda de Guillarei, pararon un vehículo que circulaba en zigzag. O condutor triplicaba a taxa de alcohol permitida ao dar un resultado de 0,94 mg/l na primeira proba realizada e 0,91 mg/l na segunda. Minutos despois na PO-552, en colaboración coa Garda Civil, deron o alto a outro condutor que duplicaba a taxa permitida ao dar un resultado de 0,58 mg/l na primeira proba e 0,54 mg/l na segunda.