As delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) fallaron os galardóns dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2020. Estas distincións supoñen un recoñecemento ao labor conxunto e necesario de todos os axentes -arquitectos, promotores, aparelladores, construtores e demais colaboradores- que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade desenvolta nas demarcacións de Ourense, Pontevedra e Vigo. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”.
Este ano presentáronse 69 proxectos (47 propostas executadas na demarcación da delegación de Vigo, 10 na de Pontevedra e 12 na de Ourense) de moi diversas escalas e localizacións, que son o resultado que aglutina o mellor dos arquitectos e das arquitectas, pero tamén de todos os axentes de obra que os acompañan no proceso construtivo, como son os aparelladores, promotores, enxeñeiros, construtores e mesmo artesáns da madeira ou do metal.
O xurado resalta o bo facer destes profesionais para acadar a calidade da que gozan todas as candidaturas. “Todas as obras que foron candidatas aportan ese gran de area á arquitectura, e sobre todo á sociedade, e máis na situación na que nos atopamos na actualidade marcada pola pandemia”, indica a organización do certame.
O xurado valorou a totalidade dos proxectos presentados e os aspectos concretos que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio. Estivo composto polos presidentes das delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos, Rafael Castro Armesto, Anselmo Villanueva Peón, e Manuel Martínez Carazo, respectivamente; un colexiado de cada delegación seleccionado pola súa Xunta Directiva, Berta Peleteiro por Ourense, Ana Couto por Pontevedra, e José Javier Villacé por Vigo; a arquitecta María Sonia López, premiada en edicións anteriores; e o secretario da delegación ourensá Abel Mares.
Despois de case seis horas de intensas liberacións, o xurado seleccionou 15 obras (13 de Vigo e 2 de Ourense). O acto de entrega de diplomas aprázase ata que a situación actual o permita.
Os premios Gran de Area naceron no 2001 co obxectivo de poñer en valor e contribuír á harmonía entre arquitecto e promotor, para acadar o mellor resultado arquitectónico e construtivo posible, converténdose na maior aposta e pulo para o recoñecemento social desta disciplina.
Apartamento e tríplex en Vigo Sede da Uvigo no Berbés OCHD Workspace en Vigo Reforma interior nunha vivenda de Vigo Rehabilitacion nun piso do Paseo Alfonso en Vigo Rehabilitacion dunha vivenda na Praza Pescadores de Vigo Rehabilitacion de vivenda entre medianeras en Vigo Casa América en Nigran Rehabilitacion do Café PepChab en Baiona Proxecto de urbanizacion Peto Animas de Piñeiro en Gondomar Acondicionamento da explanada Horizonte en O Rosal Rehabilitacion dos xulgados de Tui