O Concello da Guarda está a deseñar a campaña de Nadal e, dentro das accións comerciais, este ano vai a incluír un Mercado de Nadal na Praza de Avelino Vicente. A finalidade é incentivar o comercio local e crear “sinerxias” instalando as casetas durante as festas, dende o acendido da iluminación de Nadal ata o 5 de xaneiro.
Ao igual que o mercado organizado como peche do verán, a participación dos comerciantes será gratuíta a cambio do compromiso da apertura dos postos durante os días e horario establecido.
O número de casetas é reducido –o Concello non especificou aínda a cifra exacta- polo que se van establecer unhas quendas dependendo do número total de interesados. O reparto realizarase por sorteo entre os profesionais que cumpran os requisitos solicitados.
Os interesados poden consultar as bases de participación e disporán ata o venres 20 de novembro para solicitar a súa participación mediante unha instancia xeral no rexistro municipal.