Un grupo de arredor de 50 estudantes de primeiro curso da Escola de Enxeñería Industrial, con sede na rúa Torrecedeira, pasará dende o vindeiro luns 16 de novembro ata o mércores 25 á docencia en liña como medida preventiva ante a detección de tres casos positivos nas probas PCR mediante ‘pooling’ por saliva que se están a facer na Universidade de Vigo entre o estudantado.
Esta decisión, recollida nunha resolución reitoral publicada este venres, parte da proposta realizada polo Comité de asesoramento sobre a Covid-19 nomeada polo Consello de Goberno e adóptase “baseándose nun principio de prudencia”.
O pase á docencia en liña afecta de xeito exclusivo a un único grupo do alumnado de novo ingreso desta escola. “En primeiro curso temos 16 grupos e esta medida afecta só a un deles”, explica o director do centro, Juan Pardo, quen subliña que “foi algo que se decidiu no comité de xeito preventivo para evitar que a situación vaia a maiores”. A escola manterá o seu funcionamento habitual nesas datas, salvo que as alumnas e alumnos dese grupo asistirán ás súas clases de xeito virtual no canto de facelo de xeito presencial.
Ademais, o comité de asesoramento sobre a Covid-19 decidiu tamén aplicar esta mesma medida no segundo curso do Grao de Traballo Social da Facultade de Ciencias da Educación e Traballo Social do Campus de Ourense. Neste caso a medida afecta a 75 alumnos e alumnas e aplícase tras confirmarse a existencia de tres positivos.