A Deputación de Pontevedra colaborará co Concello de Tui para que os xardíns da Praza de San Domingos poidan ser incorporados á Ruta da Camelia. A Estación Fitopatolóxica do Areeiro realizará unha catalogación dos 10 árbores existentes na praza e facilitará así o traballo do Concello, que pretende realizar un proxecto de posta en valor, incrementando o número de exemplares, antes da presentación da solicitude.
Desta forma, Tui pasará a formar parte dun percorrido turístico e botánico-patrimonial que é todo un referente da provincia de Pontevedra. O alcalde destacou que a praza de San Domingos é un lugar histórico, cunha forte carga patrimonial, e polo tanto está destinada a cobrar a máxima relevancia como espazo de encontro e lecer tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes. O Concello acolleu unha idea que naceu na Asociación Tudense de Amigos da Camelia para tirar o máximo partido dunha contorna con árbores centenarias. A intención do Goberno local, unha vez catalogadas, é avanzar coa plantación de novos exemplares ata alcanzar o centenar, número que, unido á consideración de xardín histórico, permitiría a adhesión.
A Ruta da Camelia é un recurso turístico de primeira magnitude que aglutina xardíns repartidos por Galicia e nos que poden contemplarse máis de 8.000 variedades desta árbore e a súa flor, moi especialmente na provincia pontevedresa. Na Ruta hai parques, castelos e pazos que acollen espazos singulares, entre eles varios declarados como Xardín de Excelencia Internacional pola Sociedade Internacional da Camelia.