O grupo de Goberno de Vigo aprobou inicialmente este mércores os orzamentos para 2021 -cun montante 264 millóns de euros – nun Pleno da Corporación Municipal extraordinario no que o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, explicou que o obxectivo é “reactivar a economía” da cidade.
Cos votos en contra dos grupos da oposición, o Executivo local aprobou unhas contas que reservan máis de 19 millóns para política social, “unha partida en constante crecemento desde 2007”, con axudas de emerxencia, programa de axudas extraordinarias, achegas a comedores socias ou solucións habitacionais para vítimas de violencia de xénero, entre outras cuestións.
Segundo explicou Aneiros, a partida de Educación, un “instrumento para xerar igualdade de oportunidades”, ascende a 14 millóns, que ademais de bolsas de inglés ou bolsas de comedor, este ano inclúe unha partida de 450.000 euros para desinfección dos centros educativos.
Os investimentos ascenden a 25 millóns aos que hai que sumar 36 de remanentes, todos para efectuar inversións produtivas, de xeración de emprego e polo tanto de “facer economía”. Respecto ao apoio aos sectores máis afectados pola crise, referiuse aos tres millóns de axudas indirectas coa rebaixa fiscal da que se benefician 10.000 actividades comerciais na cidade, ademais da taxa cero en terrazas que o Goberno local vén aplicando desde o ano 2008.
Respecto das críticas da oposición, o titular de Facenda lamentou que o PP “profetice” con políticas que non leva a cabo a Xunta, mentres os seus homólogos de Marea de Vigo e o BNG defenden as “mesmas propostas” que en anos anteriores en lugar de “ler o documento orzamentario que inclúe en cada concellería unha partida específica para afrontar a pandemia”.
Pola súa banda, o voceiro do grupo municipal do PP, Alfonso Marnotes asegurou que estes orzamentos non serven para afrontar a Covid-19 e “non chegarán á xente” ao non completarse a súa execución, tal como pasará coas partidas deste ano. Tamén insistiu na necesidade de conceder axudas directas ao comercio local e á hostalaría.
O portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, criticou que os orzamentos non se axusten á nova situación económica derivada da pandemia e lamentou que non sexan unhas contas máis expansivas. Finalmente, Xabier Pérez Igrexas, concelleiro do BNG, reprochou que as contas de 2021 se elaborasen sen “sen recoller suxestións” e lembrou que a súa formación presentou emendas por 13,5 millóns para atender ás clases traballadoras e aos barrios.