O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, agradeceu este mércores o apoio do cadro de persoal de Vulcano á tese da Avogacía do Estado e do Consello de Estado sobre a caducidade da concesión e agardou unha rápida solución para manter a actividade industrial e o emprego. Expresouse así tras constatar o visto e prace da representación sindical á idea da caducidade da actual concesión para posteriormente realizar unha nova que sirva para manter os postos de traballo.
Losada mantivo un encontro telemático co secretario xeral de Comisións Obreiras en Galicia, Víctor Ledo, e o responsable da área de Industria dese sindicato en Vigo, Celso Carnero. Na reunión, o delegado do Goberno acordou “ir da man” coa representación sindical cara a continuidade dos postos de traballo.
O delegado do Goberno explicou que o caso está agora en mans do Tribunal de Conflitos de Xurisdición, que o resolverá coa máxima celeridade. Chegou a este organismo debido a que o propio Javier Losada remitiu un escrito ao xulgado do mercantil encargado do concurso de acredores no que solicitaba a inhibición no proceso vinculado á concesión de Vulcano. Fíxoo debido a que este é o criterio establecido pola Avogacía do Estado e o Consello de Estado.
Na reunión deste mércores quedou constatado que tanto o Goberno coma o cadro de persoal entenden que a solución máis rápida está vinculada á caducidade da actual concesión e á rapidez do Porto de Vigo para realizar unha nova. Polo tanto, Javier Losada insta ao Consello de Administración da Autoridade Portuaria viguesa a que axilice ao máximo os trámites para lograr, así, manter a actividade industrial e os empregos.