A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de renovación do firme, acondicionamento da beirarrúa, e a adecuación da zona de aparcadoiro, do hospital público Nicolás Peña de Vigo. As obras rematadas no hospital Nicolás Peña incluíron a mellora do firme da vía, intensificando as intervencións nas zonas que presentaban un maior deterioro.
Na intervención actuouse sobre 67 prazas de aparcadoiro destinadas ao persoal sanitario, especialmente reordenando e pavimentando un espazo en zahorra con 11 prazas de estacionamento.
Ademais, dispúxose unha zona de circulación peonil para conectar as beirarrúas existentes, empregando pavimento de lastras de formigón, similar ao que hai xa noutras zonas do recinto. A intervención completouse coa mellora da sinalización e tamén a rede de drenaxe, ademais de traballos de axardinamento.
Ao tempo, o departamento de Infraestruturas da Xunta segue a avanzar no próximo remate das obras de mellora que se están a levar a cabo na contorna do Hospital do Meixoeiro, onde na noite do mércores ao xoves se executaron os traballos de aglomerado no aparcamento, e están moi avanzadas as melloras de accesibilidade nas beirarrúas de acceso ao hospital e dos aparcadoiros.
Estes traballos forman parte das actuacións que a Xunta está a impulsar nas contornas dos hospitais da área de Vigo para ofrecer maior comodidade nos desprazamentos de pacientes e persoal sanitario e para favorecer unha circulación peonil máis segura e accesible.
As dúas actuacións de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade nestes dous hospitais públicos da área de Vigo suman un investimento de 700.000 euros. A estas engádese a intervención xa executada este verán no antigo hospital do Rebullón, cun investimento autonómico de 47.000 euros.