A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou este martes de que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación xa firmaron o convenio que permitirá a Axencia Galega de Infraestruturas licitar e dirixir a obra, pendente da expropiación dos terreos por parte do Concello.
A representante autonómica se pronunciou nestes termos ao ser preguntada polos prazos desta intervención. Segundo indicou, unha vez aprobado o proxecto de ampliación no Consello da Xunta e para poder licitar as obras é preciso, por unha banda, firmar o devandito convenio e, por outra, executar a expropiación dos terreos.
“Nós estamos en disposición de licitar a obra de xeito inmediato unha vez que o Concello expropie e ceda os terreos a ocupar”, dixo, para insistir en que a disposición do solo é condición indispensable para poder levar a cabo a licitación. Neste sentido, representantes municipais teñen previsto reunirse este venres cos donos das parcelas afectadas para notificarlles a expropiación.
“O alcalde garantiu en rolda de prensa que teremos os terreos e así esperamos que sexa, pero polo momento son só anuncios mediáticos, ata que os poña a disposición non poderemos falar de prazos reais”, anotou.
A Xunta leva investidos neste recinto feiral de referencia máis de 15 millóns de euros, aos que se suman agora os 7,65 millóns de euros previstos pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para esta nova actuación.