Vigo acollerá este domingo a preestrea da película ‘Ons’, dirixida por Alfonso Zarauza. O filme proxectarase no Museo do Mar ás 11.30 horas deste 13 de decembro, antes da súa estrea en salas o próximo 18 de decembro. O evento contará coa presenza de membros do equipo; dos protagonistas Antonio Durán ‘Morris’ e Melania Cruz; e estará amenizado por un pequeno concerto da banda Chicharrón.
Este trío de Carballo achega á banda sonora de ‘Ons’ o tema ‘Na cela’, que adapta un poema de Antía Otero, e prevé acompañar o filme nalgunhas das presentacións previstas de cara á estrea do 18 de decembro en salas comerciais.
A película conta cun universo propio que envolve ao espectador e que está marcado polo carácter da illa de Ons, que forma parte do enclave das Illas Atlánticas e na que só viven nove persoas, a pesar das visitas dos múltiples turistas que recibe no verán.
«Quería facer unha película que falase da necesidade e a escaseza. Neste caso da necesidade de amor, de seguridade emocional, de maternidade e de desexo, pero tamén da escaseza de todo iso. Ons non é un thriller, é unha película con misterio», di o seu director, Alfonso Zarauza.
Dirixida por un dos cineastas máis sólidos do audiovisual galego, Alfonso Zarauza (Os Fenómenos, Encallados, Crebinsky) Ons está protagonizada por Morris (Fariña), Melania Cruz (A esmorga, Dhogs), Xúlio Abonjo (Fariña, María y los demás), Marta Lado (Sicixia), Anaël Snoek, (Adoration), Diego Anido (Trote), Cris Iglesias (Eroski Paraíso) e Miguel de Lira (Los Hombres de Paco, Dhogs, A esmorga).
A película narra a historia do doutor Vicente, quen tras unha profunda depresión pola morte do seu amante nun accidente de coche, chega xunto á súa esposa Mariña (Melania Cruz) a unha remota illa do atlántico, co obxectivo de pasar o verán, curar a súa enfermidade e recuperar o seu matrimonio.
A vida na solitaria illa séntalle ben a Vicente, que lle pide á súa muller prolongar a súa estancia e pasar o outono. Cada día vaise sentindo mellor, ata que tras un naufraxio no medio dun temporal, unha misteriosa e amnésica muller aparece na illa e irrompe nas súas vidas. A partir dese momento xa nada volverá ser o que era.