O Concello e a Universidade de Vigo asinaron este xoves un convenio de colaboración mediante o cal o Goberno municipal achega 350.000 euros para financiar o programa de axudas ao alumnado que se conceden con “criterios de política social”, segundo explicou o alcalde, Abel Caballero.
O obxectivo é que “ninguén quede excluído dos estudos universitarios por falta de recursos”, de maneira que, por exemplo, poidan recibir unha bolsa de comedor no caso de que precisen comer nas instalacións educativas. En definitiva, di Caballero, “queremos garantir a igualdade de oportunidades” do alumnado cunha situación económica ou familiar que poida dificultar o seu acceso ou permanencia na universidade.
Segundo o rexedor, o Concello fai entrega desta contía e será a Universidade de Vigo a que asigne as bolsas correspondentes coa máxima de ter en conta o nivel de renda do alumnado. “Queremos que estes 350.000 euros sexan para política social”, apuntou o alcalde, aínda que estritamente non contabilicen neste departamento municipal senón que se financian dende a área de Educación.