Con motivo do Dia Mundial da Disfaxia, que se conmemora este sábado, o servizo de Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) vén a sumarse a esta conmemoración para visibilizar unha patoloxía que, moitas veces, está infradiagnosticada. Así, este venres déronse a coñecer os resultados dunha nova técnica diagnóstica, a videofluoroscopia, que leva incorporada hai un ano á carteira de servizos hospitalarias, e que de momento está sendo desenvolvida en moi poucos hospitais españois.
A videofluoroscopia é unha técnica de radioloxía que permite ver directamente os defectos na deglutición do paciente. No complexo vigués xa levan realizadas 60 videofluoroscopias. Segundo afirma a foniatra Azucena Jover, “trátase dunha técnica especialmente útil cando os pacientes presentan dificultades moi severas que fan que parte do bolo alimenticio se vaia á vía aérea”.
“Isto é importante porque os pacientes con este problema teñen mais probabilidades de ingresar no hospital por pneumonías, desnutrición, e incluso se rexistra un maior índice de mortalidade por estes motivos. De aí a importancia do seu adecuado diagnóstico e tratamento. Unha correcta abordaxe reduce o tempo de hospitalización dos enfermos, así como os reingresos hospitalarios por complicacións respiratorias”, engade. Anualmente o servizo de Rehabilitación -un equipo composto por neurorrehabilitadores, logopedas e foniatras- atende a 250 pacientes con disfaxia.
A disfaxia é un trastorno da deglutición caracterizado por unha dificultade na preparación oral do bolo alimenticio ou no desprazamento do alimento desde a boca ata ao estómago- Pode ter unha orixe funcional (habitualmente neuróxeno) ou mecánica, e tamén pode ser secundaria a outros factores, como ás cánulas de traqueostomía ou algúns fármacos. Ten maior incidencia nas idades máis avanzadas, en enfermos xeriátricos e institucionalizados, e naquelas persoas que sufriron un ictus.
A estes pacientes engádense os enfermos con patoloxías neurodexenerativas (Párkinson, demencias, ELA, Esclerose Múltiple, miastenia…); os que pasaron por cirurxías otorrinolaringolóxicas ou neurolóxicas; ou poboación infantil con trastornos neurolóxicos. “Trátase dun problema de saúde con gran incidencia na calidade de vida de quen a padece e dos seus familiares ou coidadores, que afrontan con moita inseguridade e medo as horas das comidas. Aínda que a maioría das disfaxias non son curables, o conxunto de terapias pautadas, como a logopedia, as recomendacións posturais, e os exercicios para potenciar a zoa, son moi efectivas e dan moi bos resultados”, explica a doutora Azucena Jover.