As tradicións, os valores universais e o imaxinario infantil son o fío condutor da decoración de Nadal no Castelo de Soutomaior que a Deputación de Pontevedra inaugurou esta tarde nun acto festivo que rematou co acendido dunha espectacular iluminación sostible para a que se empregaron ata 25.000 lámpadas led. A emblemática fortaleza engalánase por primeira vez nestas festas e se converte nun espazo de maxia e ilusión, decorado con elementos sustentables e no que se ofrecerán amais distintas sorpresas e propostas de lecer pensadas para grupos de persoas conviventes. A presidenta Carmela Silva, acompañada do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e de deputadas e deputados do goberno provincial, estivo presente esta tarde no evento no que tamén participaron un grupo de escolares do concello.
No acto, o “carteiro dos desexos”, unha personaxe que estará presente estas festas no Castelo, amosoulles as distintas propostas que ofrecerá o inmoble ata o 6 de xaneiro e que se poden desfrutar ao aire libre no Xardín do Castelo. Deste xeito, coñeceron como o Muíño está a pleno rendemento neste Nadal, xa que nel estase a producir a fariña coa que elaborar as sobremesas que se toman en todos os países do mundo. No lugar, atópanse os sacos cos nomes das sobremesas, xunto coas súas receitas, como o roscón de Reis español, o ‘Bienmesabe’ de México ou o panettone italiano.
Na zona do foso puideron contemplar os renos e cervos iluminados no Xardín, antes de entrar no patio de armas, no que este Nadal está instalada unha gran caixa de correos. Alí, o carteiro pediu aos nenos e nenas que asistiron ao acto que escribisen tres desexos para todo o ano 2021 nas postais que recibiran na entrada á fortaleza e que os pensasen pechando os ollos e mirando cara ao ceo. Foi no momento no que os abriron, cando se iluminaron a Torre do Conde e a Torre de Homenaxe coas 25.000 lámpadas led. A decoración de Nadal complétase nestes espazos con adornos florais propios.
Esta nova iniciativa que a Deputación pon en marcha no Castelo enmárcase na aposta da institución provincial por crear unha oferta para as familias e, especialmente a infancia, en torno a este edificio histórico e cultural que foi musealizado no ano 2018 con elementos innovadores e interactivos. A proposta de lecer está realizada con elementos sostibles e pensada para grupos de persoas conviventes, que poden atopar unha auténtica experiencia turística de Nadal. As familias poderán desfrutar destes espazos ata o día de Reis en horario de 10 a 19 horas , a excepción dos luns e festivos, en que o Castelo de Soutomaior permanecerá pechado.