José Policarpo Sanz nace na vila mariñeira de Marín o 25 de xaneiro de 1841. Os seus pais foron Diego Sáenz de Cividanes e Antonia Soto Díez. Pasou a súa infancia en Vigo, donde o seu pai exerceu a profesión de perruqueiro.
O mozo Policarpo cando logra a maioría de idade embarca rumbo á Habana. Alí había unha colonia moi importante de galegos. Entre os máis destacados que viviron na illa na segunda metade do século XIX foron: Ramón de la Sagra, Pedro Murias, Fernando Blanco de Lema, Isidoro Araujo y Lira, Bartolomé Xosé Crespo Borbón «Creto Gangá», Xosé López Rodríguez «Pote», Ramón Armada Teixeiro, García Barbón, Waldo Álvarez Ínsua, Curros Enríquez, Castro «Chané», Lesta Meis, Lugris Freire, Alejandro Chao, Fontenla, etc… Naquela Cuba que case era unha provincia galega viviu e comezou a súa vida empresarial o mozo Policarpo Sanz.
O cronista oficial da Cidade de Vigo Miguel Vázquez Gil sinala no seu libro sobre a historia das rúas da cidade algúns aspectos sobre a vida de Policarpo Sanz: «Alá en Cuba traballou nunha casa comercial e aprendeu axiña. Ao pouco era caixeiro -ao morrer o anterior o deixou herdeiro do seu- e nunha viaxe a Nova Iorque coñeceu ao señor Ceballos, quen o distinguiu coa súa amizade e que o encargou de moitos dos seus asuntos mercantís. Ao final casou cunha filla súa».
O 27 de outubro de 1877 casou con Irene Ceballos Sánchez en Nova Iorque, na Igrexa de San Francisco Xabier. A súa flamante esposa era herdeira dunha importante fortuna. A capacidade comercial de Policarpo e a riqueza familiar da súa esposa deron as bases para que o matrimonio lograra en pouco tempo ampliar as súas ganancias bancarias e comerciais.
Tanto na Habana como en EEUU rodeouse de amizades liberais. Foi un amante da cultura e a arte. Policarpo Sanz formou parte dos círculos achegados ao libre pensamento. Xunto a García Barbón participou na fundación da Sociedade de Beneficencia de Naturais de Galiza o 31 de decembro de 1871. Esta foi a primeira sociedade de emigrantes galegos de todo o mundo. A primeira comisión directiva quedou composta por Ambrosio Tomati, presidente; Juan Más, director; José García Barbón, tesoureiro; Joaquín Prieto Canal, secretario e doce conselleiros titulares e doce suplentes. Segundo o relatado polo biógrafo de García Barbón, Xerardo Dasairas, foi o propio Policarpo Sanz quen na asemblea de constitución da Asociación Benéfica Naturais de Galiza o propuxo para o cargo de tesorero. Outros dos distinguidos amigos de Policarpo Sanz que participaron daquela histórica institución benéfica foron: Francisco Loriga, Francisco Lamigueiro e Juan Álvarez Baldanedo.
Durante varios anos viviu entre a Habana e Nova York. Alí decatouse de que tiña unha enfermidade que en pouco tempo acabaría coa súa vida e volveu a Europa para morrer. Policarpo Sanz deixou toda a súa fortuna á cidade olívica. Segundo nos relata o historiador Manuel Castro López no seu libro «Efemérides Galaicas»: «O 26 de agosto de 1890 o Concello de Vigo reúnese en sesión pública extraordinaria para dar lectura do testamento outorgado en Nova Iorque o 1 de xuño de 1888 polo señor don Policarpo Sanz, que en dito documento fai ao seu pobo natal, o citado de Vigo, importantísimas doazóns. E a corporación municipal determina honrar a memoria do ilustre filántropo».
Instituto Santa Irene
No seu testamento sinalou que deixaba 346.026,16 pesos ouro. Indicaba que aos seis meses de que morrera a súa muller se mercase un terreo para construir un edificio para facer un instituto de 1º e 2ª ensino que levaría o nome de «Santa Irene» en homenaxe a súa muller. A súa esposa Irene faleceu o 10 de agosto de 1935. Cumpríndose o desexo de Policarpo, na esquina da Gran Vía fronte ao monumento da Praza América se levantou o primeiro Instituto de Vigo, o Santa Irene.
No seu testamento dicía entre outras cousas en relación á construcción do Instituto de Primeiro e Segundo Ensino: «A educación de dito colexio será completamente gratuita para todos os nenos de familias pobres da cidade de Vigo ou as súas cercanías que pertenzan ao concello de dita cidade sen que por ningún concepto se poida esixirlles retribución algunha». Noutra parte do seu legado onde se refire ao seu proxecto de Hospital sinala: «Lego o resto do meu capital efectivo que o estimo en cen mil pesos para establecer un Hospital de Caridade nesa cidade de Vigo para enfermos de ambos os sexos, que será servido por Irmás da Caridade e que sé construirá nas aforas da cidade».
O mecenas de Vigo donou tamén a súa colección de pintura: «Se ao falecemiento da miña consorte existira aínda a miña colección de cadros composta de noventa e cuatro orixinais e tres reproduccións de mestros antigos e modernos, como tamén todos os obxectos de arte, porcelanas, reloxos, etc, serán colocados nun dos salóns do colexio Santa Irene que será construído para o obxecto e servirá como Museo de Vigo, e a entrada a él será libre para os habitantes da cidade, forasteiros e estranxeiros, unha ou dúas veces por semana e fóra destes días a entrada ao Museo costará unha peseta».
Con esta importante doazón Policarpo Sanz deu o empurre e a idea para a constitución do Museo Quiñones de León no parque de Castrelos. Policarpo Sanz faleceu en París no mes de novembro de 1889. Os seus restos foron trasladados a Vigo en 1891. A chegada do corpo sen vida do benefactor da cidade olívica foi acompañada por unha multitude de veciños que se achegaron para lle dar a benvida á súa terra natal. Os xornais da época salientaron con destacados artigos o perfil altruista do Indiano, que deixou toda a súa fortuna á cidade que tanto amou. O desfile fúnebre pasou pola céntrica rúa que leva o seu nombre descubríndose unha placa conmemorativa.
Bibliografía consultada:
Dasairas Xerardo Valsa: «D. José García Barbón e o colexio La Salle de Verín no Centenario da súa fundación» (1895-1995).
Naranjo Borovio Consuelo: «Del Campo a la Bodega: Recuerdos de gallegos en Cuba», Ediciós do Castro, Sada 1988.
Francisco de Pablos Holgado, María Luisa Ilarri Junquera, Colección da Arte Galega, Museo de Quiñones de León, Concello de Vigo, 1995.
Castro López Manuel: «Efemérides Galaicas», Lugo 1890.