Abel Caballero fixo balance este luns do traballo do seu goberno ao longo do 2020, un ano “difícil, duro” no que Vigo “incrementou coma nunca a política social, os investimentos, a xeración de emprego e intentou rexenerar a actividade económica mentres faciamos unha loita denodada da Covid-19”.
Para o rexedor, o Concello afrontou a pandemia con medidas de seguridade nas rúas e unha “política social sen límite, que non deixou a ninguén sen atención”, permitindo o “maior cambio e avance” neste 2020 ao tempo que a cidade loitaba contra a pandemia con máis de 1.000 medidas e “estabamos ao carón de quen sufría a enfermidade e das súas familias”. Salienta Caballero destes doce meses, a xeración de emprego, o Nadal celebrado con seguridade 1000×100 e a coordinación cos aliados estratéxicos da cidade: o goberno de España, a Deputación de Pontevedra e a Zona Franca. Pola contra, di, “este é o ano de maior abandono de Vigo por parte da Xunta de Galicia que houbo nunca”.
Este foi para o alcalde o “ano da presencia de Vigo en España” e o ano no que destaca o “proceso de unidade ao redor da cidade”. Quixo tamén ter un “recordo emocionado a todas as persoas que nos deixaron durante este ano por mor da Covid 19”.
O goberno municipal prestou neste ano apoio a establecementos comerciais pechados por Covid, á hostalería, reduciu impostos e taxas aos ámbitos económicos afectados por peches, aprazou impostos para dar máis comodidade e realizou o maior incremento de gasto social que houbo nunca na historia da cidade. Amais, xa está aprobado o orzamento do vindeiro ano para mobilizar a economía, con débeda cero e pago a provedores en 9 días. Segundo explicou o alcalde, desde que preside o goberno olívico, o apoio ás terrazas da hostalería cífrase en máis de 25 millóns de euros e, agora, preto de 3 millóns de euros en exención de pagamentos.
Na área de política social, o alcalde apuntou as 12.000 axudas que chegaron a máis de 28.000 persoas na cidade, o apoio para a xestión do Ingreso Mínimo Vital, o labor da unidade de rúa, reparto de menús a domicilio, o incremento dotación a tódolos comedores da cidade, a suba dun millón de euros do servizo de axuda no fogar ou o labor dos coidadores de barrio, avanzando os 23 millóns de euros en política social directa para o vindeiro ano.
Abel Caballero detallou que “estamos en proceso de lanzamento do investimento con 97,3 millóns de euros nun total de 117 actuacións” no Vigo vertical coas ramplas da Gran Vía que son o “éxito do Nadal de Vigo”, o ascensor do Parque Camilo José Cela, o lanzamento do concurso de ideas para o ascensor Thom Mayne ou a posta en marcha do carril bici de Teis a Samil. 2020 foi o ano da apertura do pavillón de Romil, os dous novos pavillóns de Balaídos, o de Quirós a punto de rematar e a licitación por máis de 15 millóns de euros da grada de Marcador. No tocante ás humanizacións, destaca o rexedor a da estrada Porto-Beade (3,5 millóns de euros), o acordo para a reforma da Avenida de Madrid, o convenio para os accesos á estación do tren de alta velocidade de Vialia, accións no río Lagares, a saída sur ferroviaria de Vigo “co apoio total do goberno de España para unirse ao trazado Vigo-Oporto-Lisboa, lembrando a reunión mantida co ministro portugués de infraestruturas na que constatou a “vocación de facer esa saída Sur” e a súa participación no cumio hispano-luso de Guarda. “Non renunciamos ao tren de alta velocidade por Cercedo, que se esquezan de obrigarnos a ir por Santiago”, sentencia Caballero.
Para o alcalde “este foi o ano do avance do urbanismo de Vigo” co lanzamento dun novo modelo de cidade co PXOM: unha cidade compacta e verde, con máis peonalizacións, zonas verdes e un novo aproveitamento de espazos, máis parques públicos, a conversión do río Lagares nun grande corredor desde o seu nacemento ata a desembocadura, a conexión con Clara Campoamor ou os dous millóns de metros cadrados de solo industrial que se recollen no documento. Na rolda de prensa, destacou tamén a importancia da nova estación de alta velocidade de Vigo coa cooperación do Goberno de España.
No ámbito deportivo, o goberno municipal mantivo neste 2020 “todo o soporte” en subvencións, bolsas, programas, patrocinios ou escolas deportivas municipais. O alcalde destacou a acción que supuxeron os campamentos de verán neste ano especialmente complexo para as familias, o labor do Concello na loita contra a violencia machista, a revitalización do MARCO, reclamando 500.000 euros á Xunta de Galicia, e aínda na área cultural, a Biblioteca do Estado en Vigo que recollen os orzamentos do Estado e a cesión dos espazos de Teis para a biblioteca. No medio ambiente, este 20202 significa a consecución, logo de sete anos de traballo, da declaración das dunas do Vao como Espazo de Interese Local, financiado ao completo polo Concello de Vigo e o mantemento e conservación do río Lagares.
No referente ao turismo, destaca o alcalde o apoio á hostalería con 15 contratacións de asesores Covid, a promoción da cidade e a continuación da campaña Cíes, Patrimonio da Humanidade. En educación, o goberno municipal acometeu a cubrición de patios escolares de novos centros e reforzou a limpeza e desinfección dos centros, mantendo investimento en bolsas escolares a Foanpas ou o financiamento das escolas municipais.
O rexedor referiuse tamén á área de seguridade da que salientou a cobertura da pandemia, a peonalización do centro urbano para facilitar o esparexemento, a mellora da mobilidade, os 12 millóns de euros de subvención á cidadanía para as viaxes en transporte público. Foi 2020 o ano de renovación do contrato de zonas verdes e xardíns e da licitación da desinfección de parques infantís e de maiores por seguridade Covid, do mesmo xeito que as 350 actuacións das festas de Vigo se desenvolveron con seguridade e o Concello leva repartidas máis de 300.000 máscaras de protección entre a cidadanía viguesa.