Os usuarios e o persoal de Doral Residencias Mos recibiu este martes un agasallo de Reis adiantado no tempo. A Consellería de Sanidade achegou ata o centro de maiores 400 doses da vacina contra a Covid-19, que foron inoculadas entre os internos e os traballadores. Entre as persoas que recibiron o composto de Pfizer atopábanse Constantino, de 104 anos, e Carmen, de 101 anos. Ambos vacináronse “cheos de optimismo e animando a todo o mundo a facelo”, xa que eles mesmos superaron a enfermidade e “confían nos bos resultados da vacina”.
Segundo informou a dirección de Doral Residencias, oito equipos de enfermería do Sergas e persoal sanitario do complexo recibiron e comezaron a distribuír desde primeira hora deste 5 de xaneiro as unidades achegadas.
Residentes das áreas de xeriatría e discapacidade, xunto con empregados das dependencias de Doral Residencias en Mos foron os receptores da tan esperada vacina que o director do centro, Manuel Añón, describía como “o mellor agasallo posible para esta véspera de Reis”. O procedemento estivo supervisado e apoiado tamén desde os servizos de Atención Especializada e Medicina Preventiva do hospital Álvaro Cunqueiro.
Doral Residencias Mos foi un dos centros máis castigados pola pandemia. Doce dos seus usuarios faleceron despois de que se producira un brote que afectou a máis de 200 persoas, entre maiores e traballadores.