O grupo municipal da Marea de Vigo pediu este venres ao alcalde da cidade, Abel Caballero, que deixe de exercer “político trumpista avantaxado” á vista das súas declaracións ante os medios de comunicación. Despois de que o rexedor declarara nunha mesma rolda de prensa que a empresa Aqualia “dá a mellor auga de España”, que só “dous señoritos” se opoñen ao túnel da Porta do Sol e que o deputado Néstor Rego é un “secesionista”, a formación que lidera Rubén Pérez instoulle a que “responda como un adulto ás cuestións que toda a cidade se fai coa prórroga da auga”.
“Ultimamente as roldas de prensa do alcalde xa semellan entrar dentro da diagnose clínica máis que da política. E o máis lamentable é que no ano 2021 entramos coa prórroga das dúas grandes concesionarias e dos servizos públicos máis onerosos para a poboación como son o transporte e o abastecemento e saneamento de auga, ambos temas sobre os que Abel Caballero banaliza sen pudor”, incidiu este venres Rubén Pérez.
Marea de Vigo critica que o Goberno de Abel Caballero “nin deu explicacións” de cando se vai a elaborar o informe de contestación das alegacións presentadas por colectivos sociais da cidade, e “nin aclarou” por que a modificación da tarifa da auga, que incrementa en máis de 20 euros os custos fixos, está agora completada con outros 40 millóns “para xustificar a nova ampliación da concesión por 5 anos”.
Para o cambio da tarifa, sobre o que o propio Concello recoñece para 2021 os mesmos ingresos (29 millóns de euros) que os anos anteriores, arguméntase a urxencia de investimentos a pesar de que aparecen outros investimentos ligados á concesión “que nin sabemos se son os mesmos ou se Aqualia rematou as prometidas melloras na rede dentro da actual ampliación”, lembra o voceiro da Marea de Vigo. “Quen non da explicacións e descualifica sempre é porque oculta algo”, sinala.
Marea de Vigo afirma ademais que “dicir que o que sube a tarifa é o canon da auga que pagamos todos os vigueses e viguesas é un insulto á intelixencia”. “Só hai que darlle á volta a factura para saber que se paga de canon autonómico e que se paga por canon fixo de explotación do servizo e por abastecemento, saneamento e uso dos sumidoiros”, recorda Pérez. “Coa mesma estratexia de Donald Trump, Abel Caballero aférrase ao inimigo sempiterno da cidade, que é o presidente da Xunta. Vale para todo: política trumpista de libro”, remarca Pérez.
Marea de Vigo foi clara dende o inicio da lexislatura na identificación dos retos máis importantes que tiña o Goberno local por diante: o fin das concesións de auga e de transporte. “Dixemos que prorrogalas sería perder unha oportunidade de adaptar prezos e servizos ao século XXI, evitando seguir con contratos artellados a mediados dos anos 90 nun momento no que a extensión das concesións e o modelo ligado a investimentos lastraba o cálculo de prezos, impedindo aplicar políticas como bonificacións cidadás a colectivos vulnerables, tarifas de transporte gratuíto para desempregados, consumos mínimos exentos de pago na auga como funcionan en moitas capitais do Estado e Europa, bonos mensuais ou anuais de transporte…”, reitera a formación.
Na mesma liña, Marea de Vigo reproba as palabras do alcalde con respecto á oposición veciñal ao túnel da Porta do Sol. “En vez de aclarar cuestións como estas sobre a concesión da auga, ou mesmo entender que hai unha forte contestación veciñal, de colectivos ecoloxistas e formacións políticas ao proxecto do túnel da Porta do Sol, Abel Caballero descualifica e, o que é mais grave, minte aos vigueses e viguesas sen pudor algún”, aseguran.