A falta da xornada de clausura deste domingo, o ciclocrós galego acumula oito medallas no Campionato de España que está tendo lugar na localidade cántabra de Torrelavega. O botín de metais da delegación autonómica aumentou este sábado cos bronces conquistados por dous corredores dos grupos de idade máster. Miguel Porto, representando ao Club Ciclista Ponteareas, finalizou terceiro nos máster-30A e a mesma posición ocupou José Rodríguez ‘Tami’, coas cores da Selección de Galicia, na táboa máster-40A.
O segundo día do campionato estaba reservado integramente para as carreiras dos homes máster. Coincidindo coa saída dos máster-30 empezaron a caer as primeiras gotas sobre un circuíto que xa o día anterior estaba moi enlamado. Rubén Deaño (Selección de Galicia) rematou a primeira das catro voltas na segunda posición entre os máster-30A, pero pouco despois abandonou. Sen a presenza do único representante do combinado autonómico nesta quenda, Miguel Porto pasou de estar pelexando pola medalla de bronce, a verse metido de cheo na pugna pola de prata.
O ciclista do Ponteareas acabou xogándose o segundo posto ao esprint con outros dous corredores. Manuel Sánchez (Matrix-Salchi) impuxo a súa punta de velocidade na recta de meta e a continuación entrou Porto, batendo a Carlos Sanchis (Gsport). A vitoria correspondéralle a Francisco Giménez (Murcia) con 3 minutos e 30 segundos de vantaxe sobre os seus perseguidores. Outros dous galegos remataron entre os once primeiros máster-30A: Rafael García (Monte Xalo) concluíu sexto e Ángel Romar (Seixo Branco), undécimo. O mellor corredor autonómico nesta carreira foi Andrés Calvete (Monte Xalo), sétimo na táboa absoluta e sexto na máster-30B.
Remonta de bronce
O outro metal da xornada para o ciclocrós de Galicia chegou como consecuencia dunha notable remonta. No ecuador da carreira máster-40, Tami cedía 15” respecto ao terceiro clasificado máster-40A Iván Martínez. Esa desvantaxe desapareceu na seguinte volta, a terceira e penúltima, na que o porriñés da selección galega deu caza ao ciclista madrileño do Matrix-Salchi. A tendencia mantívose no último xiro ao circuíto e Tami, corredor do equipo Norinver, obtivo a medalla de bronce con 20” de marxe sobre Martínez e terminando a 2:04 do gañador Agustín Navarro (Asturias). A prata recaeu en Isaac Suárez (Nesta), mentres que o segundo galego máis destacado, Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko), clasificouse oitavo.
A un paso de subir ao podio quedou Guillermo Álvarez (Condado Bike), cuarto nos máster-40 B. Entre os dez primeiros desta categoría tamén se meteron José Antonio Pazos (Chantadino) e Óscar González (Máis Que Bicis), sexto e oitavo respectivamente.
Non houbo medallas, pero si posicións de top-10 para os galegos na carreira máster-50/60. Juan Rey (Condado Bike) fixo oitavo nos máster-50B e Constante Lestido (Selección de Galicia), quinto nos máster-60.
Probas raíñas
O primeiro Campionato de España do 2021 baixará o pano este domingo. Como aperitivo ás dúas carreiras raíñas disputarase a sub23 masculina, a partir das 09:30 horas, co alaricano Iván Feijoo defendendo a súa coroa estatal co maillot do equipo Nesta. O ourensán compartirá grella de saída cos ciclistas da selección galega David Fernández (Avanza-O Porriño), Ángel Maneiro (Vigo-Rías Baixas) e Borja Gómez (Ponteareas).
As seguintes en entrar en escena serán as elite-sub23 e as juniors, desde as 11:30 horas, con catro corredoras do combinado de Galicia: a sub23 Carla Fernández (Farto) e as juniors Laura Mira (Avanza-O Porriño), Sofía Álvarez (Cambre) e Sonia Domínguez (XSM). Por último, Saúl López (Maceda) e Daniel López (Cambre) competirán coa camisola do conxunto autonómico na proba elite masculina (13:30 horas).