O alcalde de Vigo, Abel Caballero, que o día anterior fixo entrega dos premios do 6º Circuíto Cidade de Vigo no auditorio municipal, presentou este mércores a proba dominical que abre ademais a sétima edición do Circuíto acompañado por varios colectivos que están inmersos no evento, o máis amplo en apoios de todas as carreiras urbanas.
Jenaro de la Fuente verá unha saída espectacular. Mil setecentos inscritos agora (o máximo é de 1.800) pódena situar como a meirande referencia das carreiras urbanas de 2015. Nesta edición tamén haberá carreiras para nenos de 0-4 anos (50 metros), 5-8 (250 metros), 9-12 (500 metros) e 13-15 anos de idade (1.000 metros, é dicir, ida e volta a toda a rúa).
Segundo manifestou o rexedor, «Correndo por Vigo» «é unha forma de establecer o atletismo en todo o ámbito do Calvario, co comercio, cos que viven ou vivimos o Calvario de forma continuada». Por iso «transmitimos á cidade a nosa invitación a participar» e incidiu no novo lema das carreiras populares «Vigo, nin un paso atrás, e o atletismo de Vigo nin un paso atrás. Porque esta dimensión de tanta xente que coopera entusiásmanos, é a forma na que queremos ver ao atletismo, ás carreiras e á cidade», concluíu.
David Posada, cabeza visible da organización, agradeceu ao Concello que «continúa apoiando muchísimo ao deporte e ao atletismo de forma particular», recoñecendo tamén que o éxito de Correndo por Vigo reside na suma de esforzos. Así se entende tamén a progresión do evento, con 533 atletas en liña de chegada en 2012 e tres veces máis agora.
Posada, ademais, felicitouse pola «ampla participación feminina e a dos nenos, con 400 inscritos para as catro probas complementarias». Trasladar a saída a Jenaro de la Fuente fíxose «pensando na seguridade dos participantes». A organización tamén anunciou grupos de animación, bailes e outras accións para converter o barrio nunha gran festa.
A maiores, este xoves ás 20:30 horas, con apoio da Policía Local, Máis Que Auga organiza unha quedada de recoñecemento. Jorge Moreno, xerente desta área deportiva municipal, anunciou que os atletas estarán liderados no percorrido por dous deportistas de elite, María Jesús Gestido (campioa de España de maratón en 2009 e 2013) e Antonio Serrat (subcampión de Europa junior de triatlón e tamén subcampeión do mundo junior en duatlón). «Patrocinamos a carreira dende hai dous anos e participaremos o domingo con case 100 deportistas», afirmou.
A Correndo por Vigo sae dende o número 27 de Jenaro de la Fuente, dirixirase á rúa Aragón, Jenaro de la Fuente de novo, Travesía de Vigo, Urzaiz, Ramón Nieto, MQA, Subrido, Ramón Nieto, Urzaiz, Travesía, Jenaro de la Fuente, Aragón e final en Jenaro de la Fuente.