Doce horas ao día e cinco días á semana permanecerán abertas as salas de lectura que a vindeira semana abrirán as súas portas no inmoble do número 6 da rúa López Mora, propiedade de Zona Franca, que antes albergaba o centro de informática de Abanca. En dous andares do edificio a Universidade de Vigo acondicionou varios espazos cun total de 156 postos de lectura para que o seu alumnado poida preparar, ata o 12 de febreiro, os exames do primeiro cuadrimestre.
Tras o acordo acadado co Consocio e que inicialmente tamén contemplaba a posibilidade de que nese espazo se puidesen realizar exames, finalmente duas plantas do inmoble destinaranse ao estudo, nunha superficie total que dobra á da biblioteca da Escola de Enxeñería Industrial da rúa Torrecedeira. Amplíase así o número de postos de lectura cos que conta actualmente a UVigo, adaptados desde hai meses ás normativas sanitarias implantadas por mor da covid, co engadido ademais de ser neste caso un espazo “no centro de cidade, nunha ubicación excelente”, como sinalou o reitor, Manuel Reigosa.
Entre as 9.00 e as 21.00 horas de luns a venres, o alumnado que curse calquera titulación das que se imparten na Universidade de Vigo poderá facer uso a partir da próxima semana das salas: unha na planta baixa do inmoble con 15 postos, para persoas con mobilidade reducida, e outras dúas na segunda planta, con 115 postos unha e 26 a outra. Para acceder ao inmoble, que disporá de control de aforo, o alumnado terá que amosar o seu carné de estudante a UVigo.
Totalmente adaptado ás normativas covid
Desde que a pasada fin de semana se fixera pública a cesión temporal desta planta do edificio por parte de Zona á UVigo, a Universidade traballou no acondicionamento do espazo para que este cumpra coas normativas sanitarias, respectando as distancias entre os postos de lectura, que acadan como mínimo o 1.80 m de distancia entre eles; colocando códigos QR nas mesas e garantindo a ventilación dos espazos a traves das ventanas. A institución académica tamén foi a que se encargou estes últimos días de realizar o aprovisionamento de mesas e cadeiras dispostas nas salas de cada un dos andares.
En total a UVigo adquiríu cos cartos de medidas covid outorgados pola Xunta, un total de 1.140 mesas e cadeiras, que ademas de neste inmoble se distribuíron no pavillón do campus de Vigo e no da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, así como no campus de Ourense, para a realización de exames. Coa posta en servizo destas salas, o equipo de Goberno atende a demanda en tempos de covid de habilitar máis espazos para a preparación e realización dos exames, garantindo así seguridade e saúde do alumnado.
Mentres o espazo do inmoble de López Mora estará a partir da próxima semana destinado ao estudo, no pavillón do campus vigués os exames arrancaron o pasado luns coa proba de Matemáticas para o alumnado de primeiro curso do Grao en Administración e Dirección de Empresas e continuaron o mércores coa materia Dirección de Recursos Humanos, de segundo curso deste mesmo grao. En total ao longo de todo o mes examinaranse nestas instalacións deportivas preto de 1800 alumnas e alumnos do Grao en Administración e Dirección de Empresas, se ben esta cifra é posible que se incremente se se producen novas solicitudes de uso por parte dos centros.
Bibliotecas centrais dos campus abertas
Por outra banda, cómpre lembrar que ata o domingo 24 de xaneiro, as bibliotecas centrais dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra amplían o seu horario de atención ao público co obxectivo de falicitar ao alumnado a preparación dos exames do primeiro cuadrimestre. Así, estas tres instalacións estarán dispoñibles os sábados e domingos en horario ininterrompido de 09.00h a 21.00h. Tamén abre co mesmo horario a biblioteca de Torrecedeira, pero neste caso o servizo restrínxese unicamente ao estudantado da Universidade de Vigo, de xeito que non se permite a entrada ao público alleo.
Con todo, por mor da situación da pandemia da covid-19 a capacidade das salas viuse reducida, polo que dende a Biblioteca Universitaria recomendan consultar a páxina web para informarse sobre a dispoñibilidade de postos de estudo nas catro bibliotecas en tempo real.