Vigocultura presentou este mércores a súa programación para os próximos meses cunha oferta para todos os públicos. O auditorio municipal do Concello acollerá unha serie de funcións adaptadas aos protocolos contra a Covid-19. Esa programación tamén será flexible para adaptarse en todo momento á normativa sanitaria en vigor. Así, ao igual que en 2020, as actividades son susceptibles de pospoñerse pero non se cancelarán. O obxectivo non é só que a cidadanía goce das distintas propostas senón que o sector “poida actuar e teña recursos”.
O aforo seguirá sendo reducido, cun total de 81 butacas hábiles das case 300 totais. Do mesmo xeito, aplicarase un protocolo que pasa polo uso obrigado de máscaras faciais, xel hidroalcólico e itinerarios diferenciados de acceso e saída, entre outras medidas. Ademais, como novidade, cada espectáculo contará con dous pases.
Neste primeiro semestre de 2021 haberá unha maior presenza de compañías viguesas, tanto de espectáculos, de teatro, monicreques, clown, danza e circo. As propostas estarán pensadas para público adulto e familiar con nenos de todas as idades. Comeza o 5 de febreiro con ‘A gran viaxe’ na rúa do Príncipe e rematará o 1 de maio.
Toda a información detallada sobre a programación, espectáculos, entradas, abonos e protocolo Covid-19 figura recollida no documento que se pode consultar e descargar a continuación.