As comunidades de montes dos concellos de Ponteareas, Salceda de Caselas e O Porriño uníronse para denunciar a “presenza masiva” de motos, quads, todoterreos e outros vehículos nos seus montes, que causan “enormes” estragos no patrimonio natural e forestal.
Trátase dun problema que xa preocupaba con anterioridade, pero aseguran que desde a entrada en vigor do estado de alarma, e especialmente nos últimos meses, o aumento de vehículos no monte é “exponencial”. Debido aos peches perimetrais e, singularmente, á prohibición de desprazarse a Portugal, os pilotos atoparon nos montes da Louriña e O Condado un lugar acaído onde practicar a súa afección. O “problema” radica en que “moitos circulan coma se se tratase dun circuíto de competición sen ningún tipo de coidado nin respecto pola contorna”, segundo critican. “Habida conta das pegadas que deixan no monte, vese ben claro que o que practican non é deporte ao aire libre. Máis ben semella puro vandalismo”, advirten.
Estes danos prodúcense todos os días, pero de maneira alarmante nas fins de semana. “Sen pedir permiso, nin autorización, transitan a toda velocidade por pistas forestais, monte a través, instalacións das áreas recreativas, lugares de interese etnográfico e plantacións forestais. Non respectan nada, todo lles parece tramo libre. Os danos que causan alí por onde circulan, son máis que evidentes”, inciden as comunidades de montes.
Os comuneiros piden, polo tanto, máis “sensibilidade” por parte dos pilotos cara o espazo natural. “Non parece importarlles que os graven, nin tan sequera que lles advirtan das posibles sancións ás que se enfrontan”. Tal e como lembra, a normativa é clara ao respecto. A lei 7/2012 de 28 de xuño de Montes de Galicia, no artigo 98, baixo o epígrafe de “pistas forestais” dispón que estas quedan adscritas á xestión forestal e en ningún caso terán consideración de “acceso rodado público”. Xa que logo, “queda prohibida a circulación motorizada campo a través, por sendeiros, cortalumes ou vías de saca de madeira, agás para aqueles vehículos vinculados á xestión agroforestal, cinexética nos períodos habilitados, prevención de incendios, ou outros autorizados”. O artigo 128 fixa as sancións á que se enfrontan os condutores de vehículos que incumpran o establecido no anterior artigo. Cabe recordar ademais, que os montes comunais son propiedades privadas, non son públicos. O monte en man común é unha entidade de titularidade colectiva recollida no dereito civil galego de xeito incuestionable ao longo da historia.
“Temos identificado motos e quads sen matrícula, sen seguro e condutores sen carné. Xa tramitamos varias denuncias. Axentes forestais e do Seprona teñen actuado e imposto tamén varias sancións. Pero aínda así, demandamos das autoridades, especialmente da Consellería do Medio Rural, pero tamén das forzas e corpos de seguridade unha maior implicación na resolución do problema. Pola nosa parte ofrecemos toda a información e colaboración. Pero non temos capacidade sancionadora. Así que faise imprescindible a sensibilización da cidadanía e a axuda dos organismos oficiais encargados de protexer o patrimonio natural de todos”, sinalan os denunciantes.
Os comuneiros non desbotan aplicar “outro tipo de accións e elementos disuasorios”, como barreiras físicas, cámaras de vixilancia ou sensores que detecten a presenza destes vehículos e activen obstáculos que impidan o paso por zonas protexidas.