O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este mércores do peche de instalacións municipais para cumprir coa normativa publicada este martes no DOG (decreto 8/2021, de 26 de xaneiro) polo que se adoptan medidas en Galicia para facer fronte á crise sanitaria. O rexedor explicou que as escolas municipais de Teatro, Música, Danza e EMAO (Artes y Oficios) pasan a docencia online, aínda que as instalacións non pechan, xa que os profesores darán as clases de forma telemática desde alí e farán outros traballos. Ademais, as bibliotecas e salas de estudo de Navia e Mar de Vigo pechan as próximas tres semanas.
Estarán abertas as instalacións nas que adestren e compiten equipos/deportistas que participan en competicións de ámbito estatal: pavillóns deportivos, campos de fútbol e piscina do Carme. O uso de vestiarios e duchas queda restrinxido a competicións de ámbito nacional, cunha limitación de ocupación do 30%. Non se autoriza o uso de vestiarios nin duchas nos adestramentos. As instalacións abertas pecharán ás 21:30 horas.
Os deportistas individuais poderán adestrar cando acrediten mediante certificado emitido pola Federación correspondente que participan en competicións de ámbito nacional ou internacional con calendarios aprobados formalmente. Deberán presentar o certificado federativo acreditativo de nivel nacional de deportista, calendario de competición de ámbito nacional aprobado pola Federación, declaración responsable na que confirme a realización dos test serolóxicos cada 14 días.
Mentres, permanecerán pechadas a piscinas de Lavadores, Teis e Valadares; os ximnasios do Carme e Berbés, e os centros Maisqueauga de Barreiro, Florida e Navia.
Cultura
Todas as instalacións quedan pechadas ao público aínda que se mantén a atención telefónica e telemática: Auditorio Municipal, Casa das Artes (Arquivo Pacheco, Colección Luís Torras e Fundación Laxeiro), Casa Galega da Cultura (inclué Museo Fernández del Riego), Pinacoteca Francisco Fernández del Riego e Verbum.
A Biblioteca Municipal Neira Vilas mantén o servizos de devolución de fondos, atención a persoas usuarias, a través do teléfono (de 10.00 a 14.00 horas), correo electrónico, redes sociais e páxina web; información, altas e asistencia técnica no uso das plataformas de EfilmVigo, e GaliciaLe; dinamización e actividades online; e servizos en liña (consulta de fondo, prórroga de documentos, desideratas e suxestións).
En canto á programación de Vigocultura quedan pospostos os espectáculos de rúa previstos os días 5 e 6 de febreiro e as representacións previstas a partir do 19 de febreiro no Auditorio Municipal quedan pendentes da norma que se fixe a partir do día 17.
O Marco pecha ao público e sigue con visitas virtuais ás exposicións de Manuel Vilariño e Celeste Garrido, accesibles a través da App Vigo, que incluirán novas rutas actualizando contidos na plataforma. O Club de Lectura continúa online, a través da plataforma Zoom, e o curso en marcha sobre cine retomarase despois do 17 de febreiro.
Emprego
De acordo coa normativa, seguen en marcha os programas Vigo Emprega (inserción laboral con 98 persoas), Obradoiro Vigo Capacita VI (contratos de aprendizaxe de cociña e servizos de restaurante con 25 persoas), Vigo pola inserción laboral (formación de desempregados) e o Programa integrado de emprego (outorga certificado de profesionalidade). Está en proceso de desenvolvemento un aula virtual no caso de que o esixa a situación epidemiolóxica.
Participación Cidadá
Os centros de distrito permanecen abertos aínda que non se permite o acceso ao público e seguirán operativos para ofrecer apoio e información cidadá, dando citas para servizos municipais, para renovar o DNI ou para acudir ao médico. Queda suspendida a actividade formativa e obradoiros que se prestaban nos centros, salas de lectura, de estudo ou de informática.
Só segue a actividade asistencial (curso de psicoterapia da Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos) ou a selección de persoal para un obradoiro de emprego. No servizo de atención telefónica 010 redúcese a presencialidade de persoal, implantando teletraballo e garantindo a atención cidadá.
Oposicións a bombeiros
Mantéñense as datas de exames e as convocatorias de condutor bombeiro e bombeiro. A realización de exames ou probas inaprazables están permitidos segundo o DOG. O Concello ten protocolo específico, remitido e aprobado pola Xunta de Galicia.