O Goberno municipal do Porriño vén de presentar ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra catro proxectos que “apostan pola humanización das rúas e polo aumento da rede de saneamento nas parroquias”, segundo explicou Pedro Pereira, concelleiro de Infraestruturas.
Das catro propostas, a máis ambiciosa polo seu coste é o proxecto de humanización e peonalización da rúa Manuel Rodríguez. A actuación será no tramo desa rúa entre a confluencia coa rúa Xogo da Ola e a praza de San Sebastián. As obras consistirían no levantamento do pavimento tanto na calzada coma nas beirarrúas, na renovación das redes de pluviais e fecais, na renovación da rede de alumeado público, na renovación da rede de abastecemento; na preinstalación para telecomunicacións e da rede de baixa tensión, na instalación de nova pavimentación en granito, e na renovación do mobiliario e da zona de xardíns.
O proxecto ten un orzamento de 473.500 euros. “Unha vez rematada a humanización deste tramo, a rúa Manuel Rodríguez terá un uso totalmente peonil”, segundo avanzou o concelleiro de Infraestruturas.
O Concello tamén presentou para acollerse ás achegas da Liña 1 do Plan Concellos tres actuacións nas parroquias “coas que seguimos avanzando no aumento da rede de saneamento no rural”, manifestou o edil Pereira Fernández. Trátase do proxecto de saneamento no barrio da Portela do Souto, en Atios, do proxecto de saneamento no Corzón, en Pontellas, e da ampliación do saneamento no barrio da Arrotea – Lameira, en Pontellas .