A nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo cumpre este domingo o seu primeiro aniversario “convertida xa nunha referencia social, cultural e de promoción do talento na cidade”, e será escenario dun gran abano de actividades tamén neste 2021. Así o subliñou este xoves a presidenta da institución, Carmela Silva, que cualifica de “histórico” o balance destes doce meses nos que o edificio da Rúa Eduardo Chao acolleu máis de cen actos de todo tipo, desde exposicións a festivais, lanzamento de proxectos, presentacións editoriais, entregas de premios, cursos presenciais e on line, obradoiros e xornadas, a pesar da difícil situación sanitaria, que obrigou a pechar a sede no confinamento e a reaxustar numerosas accións. A presidenta da Deputación avanzou que neste segundo ano que agora comeza “despregarase tamén unha intensísima programación con moitas máis accións que xa estamos a preparar e anunciaremos moi pronto”.
Carmela Silva destacou que “a sede, neste edificio cedido polo concello de Vigo, está plenamente integrada na vida diaria da cidade. Conta con todos os servizos administrativos para que a veciñanza faga os seus trámites sen saír da cidade, da apoio ás persoas emprendedoras, e acolle actividades da Deputación. Pero sobre todo é un centro de cultura, de participación social, de actos e debate de ideas en distintos sectores, de defensa e traballo pola igualdade, e de promoción do emprego, a educación, o deporte, a innovación e o talento.
A pesares do impacto da Covid-19 na axenda prevista, a sala de exposicións Rosalía de Castro da sede tivo actividade regular este primeiro ano con cinco exposicións: ‘Sempre marzo’, ‘8M. A palabra empoderada das mulleres’, ‘Materiais para pensar, gozar e profanar’ con obra plástica de María Xosé Queizán, ‘Redeiras’ de Darío Basso, e ‘A viaxe da miña vida’ de Down Vigo. A presidenta da Deputación resaltou o compromiso coa cultura e a igualdade tanto nas exposicións como nas demais actividades da sede. Entre os actos culturais citou os obradoiros literarios da Escola de Letras así como a celebración do Día das Escritoras cunha lectura pública a cargo de autoras e autores e outras figuras destacadas do mundo da cultura. Ao respecto da Escola de Letras, proxecto realizado en colaboración coa Editorial Galaxia, a máxima responsable da institución sinalou que a iniciativa continuará este ano na sede con dous novos obradoiros.
Ademais, o edificio da Rúa Chao acolleu a presentación de ata cinco novidades editoriais en galego, a batalla mural de arte urbano, o lanzamento da marca Rías Baixas Film Fest, a Pasarela do Traxe Galego, o ciclo “Outra mirada de cine”, ou o Festival do Talento Feminino, entre outros eventos. “Na fachada da sede poden ver tamén o espléndido mural ‘Redeiras’ de Darío Basso, outra mostra do noso compromiso coa cultura e a igualdade”, explicou a presidenta da institución.
A sede tamén foi escenario da presentación da plataforma “Descubre-As”, de apoio ás mulleres artistas e estudantes de música para visibilizar o seu talento. “É un proxectazo que naceu aquí, en Vigo”, gabou Silva. Tamén en materia de igualdade presentouse a web ‘Sereas’ na xornada de Fundamar sobre o papel da muller no sector pesqueiro e marisqueiro; e celebrouse a sinatura co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, para dar continuidade á Cátedra Feminismos 4.0. O vindeiro 11 de marzo, avanzou Carmela Silva, haberá unha nova acción na sede vencellada a este proxecto académico pioneiro na investigación con perspectiva de xénero.
A Escola María Vinyals celebrou a xornada ‘Libres? Cousificación do corpo das mulleres’, con recoñecidas ponentes, e na sede entregáronse os premios Sofía Novoa da edición 2020. O 8M veu precedido dunha batería de actos a prol da igualdade, a sede iluminouse o 25N fronte á violencia contra as mulleres, e en decembro presentouse nela a campaña de xoguetes non sexistas da Deputación. “Foi unha intensísima actividade en materia de igualdade e queremos promovela desde as idades máis temperás”, comentou Silva.
Promoción do talento artístico
Unha das características dos eventos da Deputación é a promoción do talento artístico con actuacións musicais, recitais poéticos, performances, teatro e outras manifestacións. “Enorgullécenos ser un escaparate para artistas mozos e mozas. Encántanos darlles espazo e imos seguir promocionando o talento nas nosas accións, sobre todo o feminino”, destaca a máxima responsable da institución. Natary Feel, Tanxugueiras, Paulinha ou Coro Allegro son algunhas das artistas que deron cor coa súa música a estes actos. “Esta é a sede das mulleres, da igualdade, da loita máis fermosa que existe”, afondou.
No ámbito social o edificio conta cun novo Regulamento de utilización das instalacións e espazos para que os colectivos que traballen no eido social, cultural, sanitario, educativo ou de calquera outra índole de interese público poidan solicitar espazo e realizar actividades. Este foi o caso de Aedipe, Afaga ou Feafes Vigo, cun coloquio no marco do 25N. “Esta sede está a disposición de todas aquelas entidades que traballen pola cidade. Temos as portas abertas para que a xente entre”, explicou a presidenta da institución. Ademais organizáronse os cursos de español para inmigrantes, que esgotaron as súas prazas. Esta iniciativa, coa que os e as participantes preparan o DELE A2, imprescindible para obter a nacionalidade española, volverá á sede con dúas novas edicións este ano. Por outra parte, celebráronse entrevistas do programa Labora 2020, promovido pola Deputación para a mellora da formación das persoas en situación de desemprego.
O apoio ás persoas emprendedoras foi unha constante. “É unha prioridade para nós apoiar os novos proxectos porque hai grandes ideas e moitas gañas de levalas a cabo”, sinalou Carmela Silva, quen puxo como exemplo a calidade dos dous showrooms empresariais realizados o ano pasado, o primeiro en febreiro e o segundo no marco da Aceleradora de Comercio de SmartPeme.
47 cursos e asesoramento a 157 empresas
Precisamente SmartPeme, o servizo da Deputación que da apoio ás persoas autónomas e emprendedoras no ámbito das novas tecnoloxías, desenvolveu unha intensa actividade na oficina da sede de Vigo. En 2020 fixo 731 asesoramentos a 157 empresas e organizou 47 talleres e cursos online nos que participaron 900 persoas.
“Son cifras moi potentes que mostran tanto o dinamismo das emprendedoras e emprendedores como o noso forte apoio ao sector empresarial nun momento ademais moi complexo no que as TIC son máis importantes que nunca, porque é a tendencia e porque a situación sanitaria fixo que gran parte da actividade das autónomas, autónomos e pemes se canalice a través de internet e as redes sociais”, detallou Carmela Silva.
Apoio ao sector turístico
O punto SmartPeme incorporou ademais a unha asesora de turismo en maio para reforzar a liña TurisTIC na zona de Vigo. Tamén en materia de turismo a Deputación organizou na sede a terceira xornada TurisTIC coa participación do Clúster de Turismo, o Clúster TIC Galicia e destacadísimos ponentes que aportaron ideas sobre o futuro do sector. “TurisTIC é xa unha referencia como punto de encontro e debate do sector turístico”, sinalou Silva, para recordar que a sede acolleu charlas para que as empresas turísticas tramiten, co asesoramento da institución, o selo de calidade SICTED.
No ámbito empresarial, a sede acolleu ademais o acto de entrega de premios da Asociación de Xoves Empresarios de Vigo, no que se recoñeceron novidosos proxectos de emprendedoras e emprendedores da cidade.
A degustación de produtos das Rías Baixas coa colaboración do CIFP Manuel Antonio, a presentación do equipo do Club Ciclista Rías Baixas, ou a apertura do curso académico de Radio ECCA foron outros dos eventos que acolleron as instalacións de Vigo en distintas materias. “Son moitísimos actos culturais, sociais, empresariais, educativos, e de participación cidadá nun ano moi complicado, e que foron en paralelo á actividade administrativa da sede”, engadiu a presidenta.
Rexistro e ORAL
O persoal da oficina de Vigo atende presencialmente con cita previa, con todas as medidas de seguridade fronte á Covid, e tamén telefonicamente, ás veciñas e veciños nos seus trámites coa Deputación. No ano 2020 o número de Rexistros de entrada na sede foi de 2.390, e no caso do ORAL, o servizo de xestión de tributos municipais, pasaron pola sede 1.655 persoas.
“A toda esta actividade da sede neste primeiro ano súmanse os recursos da Deputación para Vigo. O carril bici, o 50% das obras no estadio de Balaídos, a humanización da Estrada Provincial, a UNED, o Vigo Sea Fest, os eventos deportivos, os pavillóns de Quirós e Romil, e moitísimas máis accións”, explicou a presidenta da institución, quen agradeceu a súa colaboración ao Concello de Vigo, para rematar: “Vigo conta para a Deputación e esta sede ule a cultura, a igualdade, transparencia, prestación de servizos, apoio ao talento… a todo aquelo que lle correspondía á cidade”.