A alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, vén de facer unha chamada ao autoconfinamento da veciñanza tras o incremento dos positivos por coronavirus que se están a producir nos últimos días. O boletín oficial do Sergas indica este venres que o municipio suma 104 novos casos nos últimos 14 días, unha cifra que o Concello considera “alarmante”. “A relaxación de medidas no Nadal, e as numerosas xuntanzas familiares que tiveron lugar fixeron que nas últimas tres semanas se pasase de 12 casos aos 104”, sinalan fontes municipais.
De feito, a vila comezou a semana cunha incidencia acumulada a 14 días de 839 casos por cada 100.000 habitantes. Agora ese parámetro se sitúa en 1.134. “Salceda sempre se mantivo con unhas cifras baixas e en mellor situación que os municipios limítrofes, pero a situación está a empeorar drasticamente nos últimos días, dentro da mesma corrente que se está a vivir na área sanitaria de Vigo”, advirte o Concello.
Chegado este momento, a alcaldesa pediu “responsabilidade” á poboación e solicitou que se eviten todo tipo de saídas e desprazamentos que non sexan realmente indispensables: “Ata agora fomos un oasis no medio do deserto, pero agora o mellor que podemos facer cada un e cada unha de nós é quedarnos nas nosas casas, e limitar ás nosas saídas a motivos estritamente laborais, educativos, sanitarios ou de aprovisionamento de alimentos e medicinas”, declarou este venres.
Tanto a Policía Local como as diferentes forzas e corpos de seguridade do Estado incrementaron as súas labores de vixilancia. Están sendo habituais os controis de mobilidade e de uso de máscara protectora en diversos puntos do municipio. O propio Concello tamén adoptou medidas como a supresión do mercado semanal dos mércores, que dende esta semana só acolle os postos agroalimentarios ou a implantación do sistema de cita previa nos diferentes departamentos, a excepción do servizo de rexistro que polo de agora permanece aberto. Tamén se pecharon ao público as instalacións deportivas e a Casa da Cultura Castelao, e nestes días procederase ao precintado dos parques infantís, cando menos ata o 17 de febreiro.