O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) acollerá este ano nove proxectos expositivos e recibirá do Concello un 7,5% máis de transferencia directa, pasando dos 605.000 euros do 2020 aos 650.000 euros este ano. O Padroado da Fundación, reunido por videoconferencia o pasado xoves, aprobou a programación para 2021, no que reabrirá as salas de exposicións do andar baixo, recuperando para o público algúns dos espazos singulares do edificio.
Neles instalarase a mostra ‘4 Proxectos’, con exposicións de Mónica Alonso, Mar Vicente, Rosendo Cid e Salvador e Juan Cidrás, do 26 de marzo ao 29 de agosto. A mediados de abril se inaugurarán as exposicións de Din Matamoro (‘Etérea’) e de Glenda León (‘Música das formas’), que se prolongarán ata o verán.
Para o último trimestre do ano, o MARCO conta coa exposición ‘Containers’ de Manuel Quintana Martelo, a obra do pintor madrileño Alfredo Alcaín e a colectiva do Maratón Fotográfico Concello de Vigo, cunha dobre mostra coas obras gañadoras en edicións anteriores e, en segundo lugar, cos traballos seleccionados como finalistas na última edición.