A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente, Leo Costas, informaron de que o Concello xa ten determinada a localización para o parque para cans que se construirá na vila. Esta área de lecer integrarase no xa existente parque de Sanguiñeda, zona recreativa de gran extensión na que conviven o parque da auga, parque infantil ou espazos verdes.
Este proxecto piloto irá máis aló dun clásico parque con permiso para acceso a cans. Será un lugar especialmente habilitado para eles con elementos de axilidade tales como tubos, balancíns, postes para facer zigzags, mesas para os donos, etc. Segundo declarou o edil de Medio Ambiente, preténdese crear un área de esparexemento canino duns 1.500 metros cadrados de superficie e cun orzamento aproximado duns 50.000 euros.
Esta área de lecer pretende dar servizo aos veciños e veciñas de Mos con cans, xa que na localidade non existe a día de hoxe ningunha zona específica deste tipo. Este novo parque será ademais un lugar de encontro, unha zona verde agradable da que poida gozar a veciñanza mosense e sexa incluso un reclamo para visitas de xente doutros municipios; e que incluso poida acoller excursións de escolares que acudan ao parque para realizar actividades educativas con animais.
Está previsto que o parque estea dividido nunha zona para cachorros e outra para cans adultos, ademais dun circuíto de axilidade pensado para a actividade física das mascotas. O resto do parque constitúe unha zona xeral de esparexemento. O espazo constará dun valo que o rodee completamente, que non teña ocos por onde poidan escapar os cans, unha entrada pechada, con dobre porta a ser posible (de xeito que sexa un sitio seguro, sen risco de que se perdan ou poidan ser atropelados); espazo suficiente para que os que máis necesiten queimar enerxía poidan facelo; bancos para se sentar os donos, zonas con sombra, cubos para o lixo e bolsas para recoller excrementos, as máquinas para exercicio dos cans anteriormente citadas, iluminación, estacionamento para vehículos, e zonas con algún bebedoiro onde os donos lles poidan botar auga aos cans ou fontes.
O chan estará acabado con area húmida, un material adecuado para a pisada dos cans. Para o acceso ao parque estableceranse unhas normas de uso responsable dirixidas aos propietarios de mascotas que acudan ás instalacións. Deberán empregalas de maneira responsable, atendendo sempre ao cumprimento da normativa vixente. Para iso, instalarase un cartel informativo á súa entrada no que se atoparán as principais normas de uso por parte dos usuarios. A entrada ao parque estará permitido só aos cans que estean correctamente identificados e acompañados do seu propietario ou responsable maior de idade. Os propietarios deberán velar polo cumprimento de obrigacións básicas como pechar as portas dos recintos, recoller excrementos da súa mascota e velar polo seu bo comportamento. Non estará permitido o acceso ao recinto ás cadelas en estado de celo, os cans con carácter agresivo ou aqueles que leven elementos perigosos, como colares punzantes que poidan supoñer riscos a outros cans.