Vigo puxo en marcha un concurso público para contratar o mantemento, acondicionamento e mellora dos firmes das estradas de titularidade municipal, que suman 1.006 quilómetros en total. O expediente xa foi aprobado pola Xunta de Goberno Local, presenta un orzamento de 8,4 millóns de euros e inclúe tamén a conservación das esculturas, estatuas e demais elementos ornamentais instalados nas prazas e vías municipais.
A empresa que resulte adxudicataria deberá encargarse da vixilancia e inspección do estado dos firmes, do mantemento ordinario das estradas e da atención a emerxencias e urxencias que se poidan dar, ata garantir as condicións normais de seguridade e circulación. Nos pregos de condicións que administran o contrato, o Concello recolle un persoal mínimo adscrito a este, que terá que estar conformado por un contratista, un enxeñeiro, un encargado e un administrativo.
A compañía deberá amais empregar a un enxeñeiro e un topógrafo para realzar as inspeccións, a dous capataces para os traballos de vixilancia da rede viaria, a un capataz e dous oficiais como retén para atender as emerxencias, e a un equipo de quince profesionais (tres capataces, seis oficiais e seis peóns) para os traballos de mellora programados a medio prazo.
Por outro lado, a firma que gañe o concurso público a catro anos estará obrigada a dispor dun mínimo de 24 vehículos e maquinaria de distintos tipos, con menos de cinco anos de antigüidade ao inicio do contrato e terá que renovala cando a idade supere os oito anos. O alcalde tamén subliñou que o Concello demanda que a empresa proporcione unha nova aplicación informática para o desenvolvemento do servizo, compatible co resto de sistemas de información municipais xa operativos.