O alcalde, Abel Caballero, lanzou este luns unha nova proposta educativa á Xunta de Galicia para ampliar a rede de escolas infantís municipais e solucionar ao tempo a necesidade de trasladar provisionalmente aos usuarios da escola infantil Santa Marta, no Casco Vello. Estas instalacións deberán ser derrubadas polo avance dos traballos de Barrio do Cura, unha promoción urbanística que construirá e cederá ao Concello un novo espazo para a escola infantil.
Segundo explicou Caballero, o edificio que ocupa o CEIP Ramón y Cajal ‘Picacho’ é de propiedade municipal e foi cedido á Xunta de Galicia a efectos educativos, e actualmente “a metade” está baleiro: 114 prazas ocupadas das 225 ofertadas. Así, a alternativa do Concello é recuperar a parte non utilizada polo colexio e habilitar alí unha escola infantil municipal permanente, que ademais sería “moi bo” para o Picacho xa que posiblemente aumentaría a súa matrícula acollendo estudantes da escola municipal.
“É unha decisión firme que vou comunicar á Xunta e deles dependerá”, afirmou o alcalde, quen denunciou que a Xunta trasladou o venres a súa negativa antes de coñecer os informes técnicos. Ante esta “decisión política” e non técnica da autonomía, Abel Caballero anunciou que acudirá aos tribunais se a resposta oficial da Xunta é desfavorable.
O rexedor vigués recordou que o derrubo da actual escola de Santa Marta é “obrigado” pola “seguridade” dos nenos e nenas e que non existe outro emprazamento municipal no centro da cidade onde prestar este servizo educativo. Abel Caballero salientou que no 2007 o Concello contaba con catro escolas de cero a tres anos e, baixo o seu mandato, a cidade abriu catro novos centros (Mestres Goldar, Tomás Alonso, Bouzas e Navia) e inaugurará en setembro un quinto en Bembrive. De conseguir a devolución de parte do edificio do Picacho, o Concello sumaría unha décima escola infantil municipal.
Reunión Foanpas-BNG
Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego esixiu este luns que o Concello de Vigo oferte como mínimo o mesmo número de prazas en todos os niveis da Escola Infantil Municipal Santa Marta, sen excluír o grupo de 0 a 1 anos, no proceso de matriculación para o curso 2021-22, que se abrirá nos vindeiros días. Ademais, demandan coñecer os informes técnicos municipais que xustifiquen o traslado forzoso por razóns de “seguridade”, argumentadas polo alcalde a pasada semana, e instan a manter a escola na súa actual situación ata contar cunha alternativa real.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, acompañado pola responsable de Ensino do Bloque na cidade, Mayca Rivas, mantiveron un encontro con representantes de Foanpas, da Anpa da Escola Infantil e de colectivos veciñais do Casco Vello. Ao remate da xuntanza e en declaracións aos medios, Igrexas, anunciou que levarán a situación desta escola á Comisión Informativa de Educación do Concello, que se celebrará este mesmo mércores.
O portavoz municipal nacionalista rexeitou de plano a intención do Goberno local de suspender a matriculación para crianzas de 0 a 1 anos, dado que suporía na práctica extinguir a liña educativa en dous cursos poñendo en risco a propia supervivencia da escola. Neste sentido, Igrexas, subliñou que no presente curso só 45 das 114 solicitudes de praza a obtiveron na única escola infantil pública do centro da cidade.
Por outra parte, as nacionalistas demandan transparencia e coñecer os informes técnicos municipais, se é que existen, que acrediten os motivos de “seguridade” que xustifiquen o traslado forzoso da escola. “Non é que non creamos na palabra do alcalde, pero Abel Caballero non é perito, e cómpre lembrar que esta escola mantivo a súa actividade mentres no Barrio do Cura se realizaban demolicións e movementos de terra, sen que daquela supuxesen para o Goberno local un problema de seguridade”, explicou.
En relación á proposta de trasladar a escola infantil ás dependencias do Colexio Picacho, desde o BNG aseguran que pola información da que dispoñen este centro non dispón nin dos espazos libres nin das condicións para albergar aulas para crianzas de menos de 3 anos. “A escola infantil Santa Marta é de titularidade municipal, e desde logo non podemos aceptar que se fale de ningunha hipótese de traslado mentres o Concello non dispoña dunha alternativa real que conte co aval das familias da escola”, acrecentou.