A cental sindical CIG informou este mércores de que o cadro de persoal de Frigolouro, empresa do sector cárnico son sede no Porriño, desenvolveu hoxe unha concentración diante das instalacións da compañía para forzar a dirección a desbloquear asnegociacións para renovar o pacto laboral. Dende o comité denuncian que Frigolouro «se nega a aumentar os tempos de descanso a a garantir o mantemento de todos os postos de traballo».
Durante a protesta, que tivo lugar diante da compañía pertencente ao grupo Coren de 14:00 a 15:30
horas, despregouse unha faixa na que se podía ler “Por un pacto digno”. Está previsto que as mobilizacións continúen o vindeiro luns no mesmo lugar e horario no caso de que a empresa non
atenda as reivindicacións achegadas polo comité.
Segundo explican dende a Fgamt-CIG, en marzo de 2014 a dirección asinou un acordo cos
sindicatos con representación no comité (CIG, CCOO e UGT) -a excepción do SITF- mediante o
que o persoal renunciaba a unha parte importante do seu tempo de descanso durante a xornada
laboral a cambio de que a empresa non despedira a ninguén até marzo de 2019.
Aseguran tamén que unha vez transcorrido este tempo a representación sindical intentou volver a renegociar o pacto, pero a empresa foi dilatando o proceso. “Isto quere dicir que dende marzo de 2019 a empresa está a dispoñer para o seu único beneficio dese tempo cedido temporalmente polos traballadores a cambio de nada”. No último ano celebráronse xuntanzas esporádicas nas que o comité achegou unha plataforma con 23 puntos co obxectivo de introducir melloras laborais e sociais. Pola súa banda, a dirección presentou un total de sete propostas, “que afondan na precarización das condicións de traballo”.
Na plataforma sindical figuran tres cuestións que as centrais consideran irrenunciábeis, como son o aumento do tempo de descanso durante a xornada, o mantemento do actual cadro de persoal e a contratación indefinida das persoas que leven cinco ou máis anos na empresa. “Mais semella que a dirección non está disposta a aceptar ningunha destas propostas, polo que rompeu as negociacións”.
Neste senso, denuncian que a empresa pretende “seguir lucrándose a costa do descanso do cadro de persoal”. A maiores, quere que a ese tempo de descanso cedido se lle sume unha redución nas pagas extras, descontando o tempo que os operarios/as estean de baixa. Tamén propoñen a eliminación dos 10 minutos de lavado de mans, “aumentando aínda máis o tempo que se lles cedeu”.
Outras das cuestións que demanda Frigolouro pasan por dar os permisos médicos fóra da xornada laboral, “como se o tempo fóra do traballo tamén o organizaran a empresa”, e flexibilizar aínda máis a xornada de produción; é dicir, comunicar no mesmo día a ampliación da xornada de traballo en 20 minutos.