A serie Auga Seca, o drama policial situado no tráfico de armas e estreado con éxito o pasado ano en RTP, TVG e HBO, afronta nestes días as últimas xornadas de rodaxe da súa segunda temporada en Galicia. A ficción, que visitou varias zonas da cidade olívica dende o pasado 1 de febreiro, escollerá o Porto de Vigo este sábado como escenario da súa rodaxe, tal e como xa sucedera na súa primeira temporada. A partir do próximo martes 9 o equipo desprazarase ata Lisboa, onde continuará a rodaxe ata comezos de abril.
Nesta segunda temporada, que terá 8 episodios de 50′, Auga Seca afondará nas orixes dos negocios da familia Galdón e os seus conflitos coa familia de Teresa, a protagonista interpretada pola actiz portuguesa Victoria Guerra. No elenco repiten actores galegos e lusos coma Monti Castiñeiras (Mauro Galdón), Sergio Pazos (inspector Viñas), Eva Fernández (Irene), Belén Constenla (Dulce) ou Adriano Luz (Lázaro), xunto a novas incorporacións ao reparto como Pêpê Rapazote, Luana Piovani e Gonçalo Waddington.
Auga Seca é unha serie de Portocabo coproducida coa produtora portuguesa SPi para a Rádio e Televisão de Portugal e a Televisión de Galicia. HBO España e Portugal acollerán tamén nos seus catálogos esta segunda temporada. A primeira entrega, xa dispoñible, é a primeira serie en versión orixinal en galego que se emite nesta plataforma. Toño López volve asumir a dirección, canda o realizador portugués Sérgio Graciano e baixo a produción executiva de Alfonso Blanco de Portocabo, creador da serie, e de José Amaral de SP-i. O guión corre a cargo de Carlota Dans, Roberto G. Méndez, Miguel Simal, Alfonso Blanco, Nina Hernández e Ana Míguez; a dirección de fotografía é de Lucía C. Pan e Manuel Pintos, e a música de Elba Fernández e Xavi Font.