Os logopedas do servizo de Rehabilitación do Chuvi levan atendidos a una trintena de pacientes con Covid-19 nas mesmas Unidades de Críticos. OÁlvaro Cunqueiro foi o único hospital galego que durante a fase aguda da pandemia incorporou a figura do logopeda nas mesmas Unidades de Críticos. Ademais, á maioría destes pacientes críticos dados de alta, se lles continúa realizando as terapias unha vez ingresados en planta.
Os logopedas deron a coñecer estes datos da súa actividade con motivo do Día Internacional da Logopedia weu se celebra mañá. Segundo explica o logopeda Javier Bueno “os últimos estudos realizados constatan que o 70% dos pacientes Covid19 que foron intubados necesitan axuda logopédica para recuperar a alimentación normal. O obxecto desta intervención é valorar a disfaxia nestes pacientes (dificultade para tragar) e a viabilidade de pasar á alimentación oral”.
A disfaxia é unha secuela relativamente común nos pacientes intubados, con respiración asistida, e canto máis longo é o tempo de intubación máis alto é o risco de padecela. “Temos deseñado un protocolo de actuación é unha vez os pacientes son extubados ou descanulados (retirar a cánula de traqueostomía) valoramos na mesma UCI as súas dificultades na deglutición para dar o salto da alimentación enteral ou parenteral á dieta oral”.
Ademais, estes profesionais tamén tratan as dificultades da voz, xa que moitos dos pacientes presentan problemas, tras as súas estadías nas Unidades de Críticos, para manter a voz e poder comunicarse, asi como outros tipos de danos neurolóxicos derivados do virus como os relacionados coa función da linguaxe.
Eficacia dunha intervención precoz
Así, os logopedas realizan unha valoración de adaptación á dieta – elixindo a textura axeitada para que poidan tragar- e un estudo sobre a conveniencia de modificar o posicionamento ou hixiene postural do paciente para mellorar a súa deglutición.
Naqueles enfermos que superaron a fase máis crítica, se lles realizan terapias orientadas a reforzar a función da musculatura da deglutición, para que poidan ser capaces de controlar todos os tipos de texturas e alimentos. Trátase dunha exercitación muscular progresiva que esixe dun esforzo do paciente para a realización de exercicios de musculatura lingual e suprahioidea -por encima da larinxe-. Algúns dos exercicios van dirixidos a mellorar a propulsión do alimento e outros a favorecer o peche da vía respiratoria, diminuíndo o risco de aspiración do alimento.
“Os resultados son moi positivos xa que a totalidade dos pacientes que tratamos foron dados de alta xa con dieta oral. Temos constatado que cunha actuación dos logopedas axeitada e adaptación da dieta os pacientes progresan e evolucionan mais rapidamente”, afirma Javier Bueno
Ademais, unha intervención precoz é fundamental para evitar complicacións a nivel respiratorio xa que unha mala deglutición pode dar orixe a cadros máis severos como broncoaspiración e neumonías .
Medio millar de pacientes atendidos
O Chuvi conta con 5 logopedas que asisten a pacientes ambulatorios e ingresados, tanto adultos como nenos. O pasado ano atenderon a mais de 500 pacientes hospitalizados, a maior parte deles con dificultades na deglutición, se ben tamén abordan os problemas da linguaxe, fala e voz. En torno a 70 destes enfermos foron atendidos nas unidades de críticos.
Moitos destes pacientes presentan alteración neurolóxicas tales como ictus ou patoloxías neurodexerenerativas, aínda que tamén é habitual a súa intervención en enfermos con cancro, patoloxías respiratoria ou traumatismos craneoencefálicos…
Aproximadamente un terzo dos doentes conseguiron a recuperación funcional destes problemas durante o ingreso hospitalario, non requirindo de ningunha intervención posterior.