En novembro de 2020 Escocia convertíase no primeiro país do mundo en garantir por lei o acceso gratuíto a compresas e tampóns. Meses máis tarde, en febreiro desde ano, foi Nova Zelandia quen anunciaba que, a partir de xuño, proporcionará produtos de hixiene feminina gratis en todos os colexios do país, mentres que Francia confirmaba, tamén o mes pasado, que repartirá a partir do vindeiro curso compresas e tampóns ás estudantes universitarias. Hoxe, coincidindo coa celebración do Día internacional da muller, é a Universidade de Vigo a que se confirma como a primeira institución de educación superior en España na que as mulleres que forman parte da súa comunidade poderán acceder de xeito gratuíto e universal a compresas e tampóns, produtos de hixiene íntima nos que se calcula que unha muller pode gastar ata 6000 euros ao longo da súa vida e, que no caso de España, están gravados cun 10% de IVE, e non cun 4%, que se aplica aos bens considerados de primeira necesidade.
“Esta medida é un exemplo real do compromiso deste equipo de goberno por facer unha universidade máis igualitaria e xusta, máis neste contexto de crise derivado da pandemia que está a afectar principalmente ao empobrecemento das mulleres en termos de perda de postos de traballo, incremento de fenda salarial e de xénero nos usos de tempos, etc, e que, como no caso de Francia ou Escocia, pretende loitar contra a chamada pobreza menstrual, que afecta sobre todo ás mulleres”, explica Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo.
Será a partir do vindeiro xoves, 11 de marzo, cando nas delegacións de alumnado das facultades e escolas dos tres campus, as alumnas, docentes e investigadoras e persoal de administración e servizos poderán acceder de xeito gratuíto e universal a compresas e tampóns, que nun prazo breve de tempo, estarán a súa disposición en dispensadores, que se localizarán nos baños de mulleres da universidade. “Dende que existe a humanidade, a menstruación estivo presente, tal e como indican algunhas expertas e expertos en prehistoria. Parece que, segundo algunhas hipóteses aínda non concluíntes, incluso hai unha relación entre as primeiras taboiñas prehistóricas que amosan a contabilidade e certas operacións matemáticas e os ciclos menstruais (conxetura Zaslavsky). Por iso a menstruación é un proceso natural e esta medida resulta un xeito de normalizar unha necesidade das mulleres”, sinala a directora da Unidade de Igualdade, que destaca a proactividade da UVigo á hora de acabar coas dinámicas sociais que historicamente excluíron e infravaloraron ás mulleres e as súas necesidades específicas.
Activismo menstrual da UVigo
Co acceso gratuíto e universal para as mulleres da institución académica viguesa a tampóns e compresas, a partir do vindeiro xoves, a UVigo non só se converte na primeira universidade española en adoptar esta medida contra a pobreza menstrual, senón que confirma o seu “activismo menstrual”, que arrancou o 8M do 2019, cando a celebración do Día internacional da muller pivotou sobre esta cuestión, “como emblema dunha xeración de mozas que escollen o corpo como auténtico símbolo político feminista, e ao sangrado como ‘berro’ fronte a misoxinia que aniña aínda na nosa cultura”, lembra Águeda Gómez. Esta idea foi a que se materializou daquela na cartelaría institucional do 8M coa fotografía artística realizada pola alumna da Facultade de Belas Artes Nuria Ferreiro, que inclúe un emblemático poema de Rupi Kahur titulado Period, así como a performance Conax da exlumna Sandra Varela e a exposición sobre o ciclo menstrual das estudantes de Educación Social Tania Gándar, Iria Liñares, Sonia Leiro e Ana Mella, froito dun traballo nas aulas coas súas docentes expertas en xénero Purificación Mayobre e Carmen Armada, coa que invitaban á reflexión colectiva arredor deses elementos.
Para Águeda Gómez, a UVigo non pode permanecer allea ás desigualdades de xénero, que se están a incrementar coa pandemia e así contribuír, pouco a pouco, a facer deste un mundo máis xusto, igualitario e humano. “Esta é unha medida que restitúe este agravio histórico patriarcal que sempre desestimou, invisibilizou, excluíu e non considerou as necesidade vitais e sociais das mulleres”, asegura a directora da Unidade de Igualdade.
Un 8M no 2021 que muda o mundo desde o feminismo
A celebración do 8M xira na UVigo neste 2021 arredor do lema Mudamos o mundo desde o feminismo: aprendemos a mirar, co que se queren recoñecer as achegas da teoría feminista e do movemento feminista na incorporación da perspectiva de xénero, entendida como mirada crítica sobre as desigualdades que sofren as mulleres en todas as esferas da realidade social, incluíndo a educación, a cultura, o poder, a saúde, a academia e a ciencia.
Nun formato totalmente virtual, que poderá seguirse en directo a través de UVigoTV, mañá martes terá lugar o acto institucional de celebración do Día internacional da muller. A partir das 12.00 horas, o reitor, Manuel Reigosa, será o encargado de abrir a celebración Tras unha actuación musical do grupo galego Blues do País, formado por Bieita James e Pepe King, será o reitor, Manuel Reigosa, quen abra a celebración, na que terá lugar a entrega do noveno Premio do compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo, uviguala 2021, que representa o compromiso da institución por acabar coa desigualdade entre homes e mulleres, así como o recoñecemento ao esforzo e ao traballo desenvolvido polas persoas galardoadas.
Así mesmo, este 8M ofértase a 4ª edición do Itinerario virtual de formación en xénero, que oferta un total de 17 cursos , oito máis que en edicións anteriores. “Ao longo das próximas semanas tamén realizaremos outras accións arredor deste Día internacional, en relación con algunha das medidas recollidas no recentemente aprobado II Plan de igualdade da UVigo, sobre o novo distintivo de igualdade e tamén sobre a saúde sexual das mulleres, concretamente sobre a endometriose, entre outras”, explica Águeda Gómez.