Xa son catorce os galardóns internacionais que o audiovisual “Fame de experiencias”, co que a Deputación de Pontevedra promoveu o destino turístico da provincia no 2019, acumula tras acadar un novo no Festival de Turismo Mundial de Kioto, en Xapón. “Se xa era un orgullo ser un dos 68 vídeos finalistas entre os 1.327 participantes, conseguir o premio e ternos situado con destinos como Australia, Grecia, Thailandia, Bali ou Xapón é unha noticia excepcional”, destacou a presidenta Carmela Silva.
O Premio do Festival de Turismo Mundial de Xapón é o primeiro que acada “Fame de experiencias” neste 2021, tras colleitar outros 13 durante o 2020 en festivais de Nova York, Turquía, Bulgaria, Letonia, Berlín, Los Ángeles, Serbia, Grecia, Portugal ou Croacia e culminar o ano en Viena co “óscar” á mellor película do mundo nos World´s Best Tourism Film Awards. O acto de entrega do premio tivo lugar de xeito telemático dende Kioto, por mor da situación sanitaria, e concentrou aos 68 destinos seleccionados entre os 1.327 vídeos promocionais de todo o mundo presentados á convocatoria. O audiovisual da Deputación acadou o segundo premio na modalidade de “Turismo gastronómico” e, xunto con Conil de la Frontera e Madrid, foron os tres únicos destinos españoles en acadar galardóns no festival xaponés. A Deputación de Pontevedra a través de “Fame de experiencias”, producido por Esmerarte”, rende homenaxe ás produtoras e produtores da provincia, a todas as persoas que coidan e subministran unha materia prima de excelencia que está na base da recoñecida gastronomía das Rías Baixas.