Unha campaña do Concello de Vigo sobre a xestión da auga na cidade foi premiada na XXVII edición dos Premios de Publicidade en Galego na categoría de radio. Baixo o claim “A auga en Vigo ten unha fórmula especial: H2Ohh!”, as cinco cuñas radiofónicas, emitidas en diferentes emisoras locais, tiñan como obxectivo explicar de forma sinxela temáticas distintas sobre o funcionamento do ciclo integral da auga na cidade olívica.
As temáticas tratadas nas diferentes pezas de audio centráronse na depuración e tratamento de augas, a rede de distribución, o control de calidade e o abastecemento en empresas e pemes. Tamén puxeron de manifesto a necesidade de realizar un consumo responsable deste recurso natural.
A campaña púxose en marcha en colaboración coa empresa concesionaria responsable da xestión da auga en Vigo, Aqualia. As cuñas premiadas foron realizadas pola axencia de publicidade Ecovigo, con máis de 50 anos de experiencia profesional.
XXVII Premios de Publicidade en Galego
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador son as entidades promotoras da XXVII edición dos Premios de Publicidade en Galego que teñen por obxectivo fomentar o uso da lingua galega no ámbito publicitario en cumprimento do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico e do Plan xeral de normalización da lingua galega. A entrega do premio desta edición terá lugar este luns día 22 na audiencia que ofrecerá o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira.