“Hoxe queremos reivindicar ás grandes mulleres do deporte que temos nesta provincia, que tantas alegrías nos dan e que son unha referencia para todas e todos”, asegurou Carmela Silva no lanzamento do audiovisual “A realidade das mulleres deportistas”, unha peza realizada pola Deputación de Pontevedra, enmarcada na programación de actos ao abeiro do 8 de marzo baixo o lema “Reivindicando desde o Deporte”, co obxectivo de enxalzar os seus logros e denunciar as discriminacións que, como en todos os eidos, sofren tamén as mulleres. Deportistas, adestradoras, árbitras e dirixentes de clubs como Irene Vilaboa, Elena Casal, Ainhoa Lameiro, Paula Dapena, Lorena Pérez, Judith Rodríguez e Charo Castro participan neste documental, que foi presentado este mércores na sede provincial en Vigo.
“A realidade das mulleres deportistas” fai fincapé en que o deporte non ten xénero e reivindicar, como subliñou a presidenta Carmela Silva, que “as mulleres chegamos ao deporte para quedar, para seguir crecendo e sen límites”. “Encántame o vídeo – manifestou a presidenta – porque encántanme elas: mulleres fortes, poderosas, que están convencidas de que o que fan é deporte e queren ser valoradas por elo; mulleres que teñen unha posición propia como reclamaban as grandes feministas”. Deste xeito, o audiovisual amosa os avances que se teñen dado en igualdade no deporte, os atrancos cos que as mulleres se atopan na actualidade e a actitude coa que afrontan esta realidade. Para elo preséntanse imaxes das deportistas, reflexiónase sobre a igualdade e sobre como se cuestiona a vocación, fortaleza, compromiso, autoridade ou capacidade de liderado das mulleres que se reivindican na peza audiovisual como profesionais.
A presidenta da Deputación subliñou a necesidade de visibilizar ás mulleres e achegar referentes ás mozas porque “as mulleres do deporte están sendo capaces de alcanzar grandes cotas que permiten ocupar os espazos públicos con rostro e logros de muller”. Sen embargo, tamén lamentou que “aínda queda moito por avanzar, xa que o deporte trátase dunha das actividades nas que participan mulleres onde as discriminacións seguen a ser intolerables”. Ao respecto, Silva destacou o dato da UNESCO de que o deporte feminino soamente recibe o 4% da cobertura nos medios de comunicación, que o 23% das licencias federativas son de mulleres, que só o 30,5% das persoas adestradoras son mulleres e que as primas da FIFA supoñen 30 millóns para 24 equipos femininos fronte a 400 millóns para 32 masculinos. “É intolerable, indígname e sorprende moito. Isto é a lousa que levamos. Temos que achegar este vídeo ás nenas e ás mozas, para que vexan a mulleres fortes, poderosas, que chegaron, que fan deporte, pero tamén para que se fagan conscientes das discriminacións que existen”.
Carmela Silva aproveitou a ocasión para reivindicar que “hai que facer discriminación positiva no deporte para chegar ao 50% e por iso este ano todos os convenios que asinamos co deporte de elite son igualitarios e reciben os mesmos recursos”. Amais engadiu que “as administracións non facemos nin máis nin menos que o que é a nosa obriga porque xestionamos recursos públicos e sería inadmisible que non tivésemos como prioridade á metade do mundo que son as mulleres”. Tamén reclamou Silva “a igualdade salarial, os dereitos propios que teñen que ver coas situacións das mulleres, e a igualdade de trato en canto á publicidade, patrocinio, información e presencia en medios de comunicación”.
Irene Vilaboa, a primeira muller en adestrar un equipo masculino da categoría superior do balonmán español, fixo un chamamento a “loitar para ter as mesmas oportunidades”. A futbolista de primeira nacional Paula Dapena, destacou na mesma liña que “depende de nós cambiar as desigualdades. Hai que seguir avanzando para conseguir os dereitos que son nosos”. Tamén neste sentido se pronunciou Elena Casal, árbitra de fútbol de Primeira División Feminina e de Terceira Masculina, quen asegurou que “a loita non remata aquí, é diaria e estamos conseguindo moito”. Pola súa banda, Charo Castro, presidenta da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, fixo fincapé no esforzo das mozas e no apoio “fundamental” de institucións como a Deputación. Agradeceu tamén o apoio Ainhoa Lameiro, do equipo nacional de slalom, e Judith Rodríguez, campioa de España de esgrima, quen animou ás mozas a perseguir os seus soños porque “con loita e sacrificio pódense conseguir as cousas”.