O Oso galés, soamente con mirar á fotografía é sinxelo entender o alcume, é un deses primeiras liñas que pasarán a historia do seu club (case toda vida en Ospreys e esta tempada en Cardiff Blues) e, sobre todo, da selección do pequeno país do rugby, Gales. Como os mais grandes da historia do balón oval, Jones viviu os seus mellores momentos coa súa selección, co dragón no peito.
Unha vez, un veterano díxome «o posto de ‘pillier’ é a esencia so rugby. Case non tocas o oval, levas todos os golpes, tes que limpar os agrupamentos…» Hoxe en día coñecemos a moitos piares que corren co oval, pero Jones era un clásico. Pasaba o día na cociña, lavando pratos, secando pernas ou facendo voar a algún contrario nun agrupamento. Cando era preciso tiraba algún ‘pick and go’ e era un corpo do que escapar en calquera agrupamento. Duro, traballador, colectivo, contundente, pero limpo. Moito máis que a maioría de xogadores da súa posición, pero que facía mellor o seu traballo que o 90% dos xogadores cos que compartía campo. Curiosamente, un dos xogadores de traballo máis escuro e efectivo da última década deixou un particular intento de ‘drop’ e un vídeo ríndose del mesmo. A parte simpática do Oso.
Con estas características debutou no 2003 coa camisola de Gales. Non tardou moito en facerse co número tres do seu país. Durante os últimos dez anos foi dono e señor desa posición. Tivo algunha desaparición forzada en forma de lesión, incluído un xeonllo, pero volveu cos seus 120 kilogramos en 183 centímetros para para mandar na melé do vello continente. Gañou tres veces o Grand Slam con Gales nos anos 2005, 2008 e 2012 e forma un exclusivo grupo xunto a Gethin Jenkins, Ryan Jones, Gareth Edwards, Gerald Davies e JPR Williams.
Non obstante, a última grande exhibición que deu coa camisola de do dragón chegou no 2013. Gales xogábase o título con Inglaterra no último partido do Seis Nacións. Non podería imaxinarse máis rivalidade nese partido no Millennium Stadium e tampouco o recital dado pola melé local e, en especial, polo Oso naquel encontro (30-3). Sobre aquel céspede, unha Inglaterra de enorme nivel e cos mozos Marler, Youngs e Cole como primeira liña temible, o equipo local afundiu ós ingleses en cada melé nun exercicio de forza e técnica. Un manual de rugby e, probablemente, o día no que a primeira liña inglesa recibiu a meirande lección da súa carreira. Aquela tarde en Cardiff, con arrecendo a humillación, valeulle como a experiencia de tres anos ó trío inglés (vídeo ó final do texto).
Por este historial, por chegar ós cen partidos internacionais, (noventa e cinco con Gales e cinco cos Lions, combinado das illas inglesas) e, pola súa indubidable calidade, o Oso Jones merecía despedirse do rugby coa camisola do dragón posta no vindeiro Mundial que de disputa en outono. Non obstante, o seleccionador actual debeu considerar a Jones demasiado maior e non o meteu no listado do Seis Nacións, soamente o puxo en alerta como quinto piar, e o número tres dixo «retírome da selección». Deu o paso ó lateral. Aínda quedan meses, aínda non perdo a esperanza de poder ver a despedida do Oso Jones colgando as botas co tres nas costas e no Campionato do Mundo. É o lugar que merece O Oso do rugby. Melena rizada, pescozo ancho, piar mítico.