Vigo acolleu este mércores, co motivo do Día Internacional da Visibilidade Trans, unha concentración por parte do movemento LGBT+ galego para esixir os dereitos das persoas trans e a aprobación da lei trans estatal.
Segundo explica o colectivo, a nova Lei Trans, demanda central da xornada, suporía superar o modelo actual de patoloxización, e axilizaría o proceso de transición legal. Así, o texto recolle que unha persoa trans pode autodeterminar o seu xénero sen tutelaxe de ningún tipo e mudar o seu nome e sexo na súa documentación legal a partir dos 16 anos. Tamén recolle ás identidades non binarias -persoas que non encaixan na dualidade de home ou muller- sendo debatida a posibilidade de eliminar a referencia ao sexo no DNI. Recoñece tamén outras cuestións vinculadas a áreas como o deporte, a educación, as prisións e o emprego.
Ademais, os colectivos consideran unha cuestión fundamental o feito de que esta norma permite a mudanza de nome e xénero legal das persoas migrantes, que na actualidade se ven sometidas a tempos de espera de ata máis de 10 anos, reforzando a súa situación de vulnerabilidade fronte á pobreza extrema.
Os colectivos sairon á rúa este 31 de marzo en forma de concentracións nas prazas da Coruña, Compostela, Ourense, Pontevedra e Vigo para demandar a aprobación da lei trans estatal, acadando un grande éxito de asistencia, a cal os propios colectivos LGBT+ indican que se conseguíu en parte grazas ao apoio de numerosos colectivos feministas de todo o país.
O 31 de marzo é unha conmemoración anual fundada pola activista trans Rachel Crandall en 2009 e pasou a ser internacional no 2014. Ata que chegou este día, só existía o Día Internacional da Memoria Trans, centrado en recordar ás persoas trans vítimas dos crimes de odio.