Acaba de saír ao mercado a segunda edición do libro titulado “Corazón de vaca e outras vísceras”, da editorial Urutau, escrito por Andreia Costas e prologado por María Xosé Porteiro. O libro está a converterse nun éxito e VIGOÉ contactou coa autora para falar do seu libro e da súa visión da sociedade actual.
Andreia Costas é unha galega de adopción que naceu en Stockach (Alemaña), cidade fronteiriza na beira do lago Constanza, porque os seus pais eran emigrantes. É unha muller conversadora e de trato moi agradábel, sincera e cunha forte personalidade. En Alemaña estudou Belas Artes, na rama audiovisual, e tamén fixo un máster en cinema experimental, e durante anos estivo traballando en Alemaña no sector audiovisual.
Na súa casa familiar de Alemaña non se falaba galego, pero ao chegar a Galicia, fai catorce anos, asumiu a súa obriga moral de aprender o idioma, que actualmente domina. Actualmente vive en Chapela, a trinta metros do barrio de Teis, que case é outra fronteira similar a súa poboación de nacemento. Séntese a gusto cos seus animais domésticos, cos seus paseos polo monte, lendo e escribindo. Defínese como unha estudosa e unha amante dos libros, características que forman parte da súa marcada personalidade, moi loitadora. A crise motivou a súa evolución creativa ata chegar a escribir “Corazón de vaca e outras vísceras”, pero non é a súa primeira incursión no mundo das letras.
Participou en catorce libros colectivos de poesía e relato curto. Algúns dos seus relatos foron seleccionados en varios certames de Relatos na Rúa, acadando algún accesit. Durante dous anos consecutivos tamén gañou accesits en “Mulleres Progresistas”, así como o segundo premio do certame “Altera Clara”, do café “Catro a Catro”, de Vigo.
Pregunta.- Andreia, cal é o contido do seu libro “Corazón de vaca e outras vísceras”?
Resposta.- No libro alterno o relato con microrrelatos. Están pensados como relatos independentes. Son conexiones sociales que me preocupan. Non son cousas da memoria ou das lembranzas, senón cousas vinculadas cos titulares de periódicos, con sensacións, uns relatos nos que se acepta a normalidade de xéneros cunhas figuras que teñen todo tipo de situacións.
P.- Resultoulle difícil a publicación en papel?
R.- Sí. Polo tema económico. Non quería autopublicar. A Editorial Urutau seleccionou un dos meus traballos e sentinme moi contenta, aínda que o confinamento retrasou as cousas. Logo, aos quince días de sair á venda “Corazón de vaca e outras vísceras”, tiveron que sacar unha segunda edición.
P.- Como foron as presentación do libro?
R.- Nun festival de cine coñecín a Rosa Chantada, de Teis,, e presenteille os meus traballos. Organizou un faladoiro en liña sobre o meu libro na CIGA, en “Mulleres e Palabras”, xunto á Praza de abastos. Participou Uxía Blanco, María Xosé Porteiro, e moitas máis persoas que moveron moitísimo o libro a nivel social. Trátase de relatos sen medo, escritos en liberdade, porque nunca escribín para gustar.
P.- Como ve vostede o papel da muller na sociedade actual, mudou nas últimas décadas?
R.- Claro que mudou. Mudou moitísimo. Eu teño como referente ás mulleres da miña familia e as de aquí, pero non de Alemaña, que queda moi alonxada nos costumes. O que debe quedar é a educación, a conciencia na violencia, e todo iso maniféstase na intimidade do fogar. O importante é como coeduco no meu fogar. Existe un abismo porque a violencia estaba normalizada, era unha violencia machista aceptada incluso pola outra parte, polas mulleres. O propio medo é o que máis nos engaiola, o que non nos deixa ser persoas, de aí de que tiveramos que loitar contra o noso medo. No mundo, e sobre todo en España, durante moitas décadas, vivimos un patriarcado opresor da muller e de todas as persoas relacionadas co que engloban as siglas LGTBIQ+, que estaban igual de oprimidas e ocultas.
P.- Na súa opinión, estamos cerca dunha igualdade de xénero, entendendo como xénero todas as súas variantes?
R.- No tema sexual terminaremos acadando unha igualdade. Pero a igualdade está dentro das persoas e dos roles, e aínda que mudáramos de sexo seguirían existindo os arquetipos. Es preciso ter outros referentes. Non debe ser unha cuestión estética, senón funcional.
P.- Considéraste feminista?
R.- Si, pero non extremista.
P.- Cando alguén termina de escribir un libro comenza a pensar no seguinte. Fálenos dos seus proxectos de futuro.
R.- Considérome poeta, ante todo, e quero recolectar todos os meus poemas. Tamén sigo cos relatos curtos. E pretendo conservar o meu senso do humor a pesares da dureza dos tempos.