Magnífica a actuación da selección galega cadete na Copa de España, que se está a celebrar en Benidorm esta fin de semana. Galicia logrou a primeira posición na clasificación xeral feminina e o bronce na masculina. Os deportistas que conforman a selección galega acadaron un total de 8 medallas (3 ouros, 3 pratas e 2 bronces) e ademais houbo medallas para taekwondistas galegos que viaxaban cos seus clubs. Mañá sábado disputarase a competición na categoría júnior.
Impecable o percorrido de Pablo Torrado (-41, Suh Sport) neste campionato de España con catro combates e o mesmo número de vitorias para acadar a medalla de ouro. Nas dúas primeiras roldas venceu de forma moi contundente a Roi Fraga e Álvaro Zancudo. So sufriu nas semifinais ante Marcos de Lucas, onde o combate estivo moi axustado ata o remate (17-19). Na final, o galego volveu ser claro vencedor ante o valenciano Mario Anghel (35-25).
En -44 quilogramos da categoría feminina, a galega Noa Romero (Natural Sport) acadou o ouro vencendo en tres combates. No primeiro superou con absoluta rotundidade (20-0) a Isabel Delgado e na semifinal eliminou a Martina di Carlo sen paliativos (26-6). Na loita polo título enfrontouse á representante da Federación Andaluza, Alicia Núñez, e a nosa deportista non lle deu opción algunha (6-27). Neste peso houbo outra medalla para unha deportista galega que viaxaba co seu club. Enma García (Kwon Betanzos) logrou o bronce.
Tamén subiu ao máis alto do podio a galega Nadia Bouzas (KaeSport) en -37 quilogramos. Nadia superou na semifinal a Nerea Vico nun combate dominador claramente pola nosa representante (27-7). Na final enfrontouse a Leire Echaniz e volveu vencer con claridade (20-10).
Magnífica a traxectoria de Hugo Maya (Couto) en -49 quilogramos. O deportista galego superou con moita solvencia a primeira e segunda rolda ante Diego Escudero e Pedro García, respectivamente. Así, plantouse na semifinal ante Mauro Fentanes (que viaxaba co seu club, o Mace Sport, e logrou o bronce), onde volveu a amosar o seu bo momento para vencer: 3-12. Iso si, na final foi non puido con Gabriel Robles, polo que subiu ao segundo chanzo do podio para recoller a súa medalla de prata.
Juan Gabriel Torres gañou en primeira rolda a Álvaro Gómez con bastante facilidade (25-6) e na semifinal superou a Hugo Gil, nun combate moito máis axustado e emocionante (13-10). Na final estaba esperando o navarro Íñigo Zunzarren que logrou o ouro, mentres que o deportista do Natural acadou unha magnífica prata.
A terceira prata foi para Ada Hermelo (-33, Hebe), que venceu na semifinal a Carmen Galiano por 14-27. Na final enfrontouse a Judith González (Andalucía), e a nosa deportista caeu derrotada (29-9). Segundo posto na clasificación para Ada.
Por último, sinalar que os bronces foron para Ekaterina Rebón (-59, N° Phi), que perdeu na semifinal ante a valenciana Rocío Anahí Hernandez, quen se proclamou campioa de España, e Carla Muñiz (-37, Ozono), que caeu ante Leire Echaniz. Tamén foron bronce Rodrigo Caamaño (Suh Sport) en -53 quilogramos e Judith Chas (59, Kwon Betanzos), que viaxaban cos seus clubs.