O Bloque Nacionalista Galego denunciou este martes que o goberno municipal de Vigo segue adiante coa intención de instalar na Garrida, na parroquia de Valadares, un «macropolígono industrial» de 400.000 metros cadrados. A fronte nacionalista reitera o seu apoio á veciñanza que se opón a un proxecto que consideran «inxustificado» e que afectará a un número importante de vivendas ocupadas e que ten afeccións ambientais. Levarán o asunto ao Parlamento de Galicia para reclamar á Xunta que non modifique o Plan Sectorial de Áreas Empresariais para incluír a ampliación que pretende o Goberno local.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, interpelou este martes no Consello da Xerencia de Urbanismo á concelleira, María Xosé Caride, a respeito de se o goberno local mantiña a previsión de instalar un polígono de 400 mil metros cadrados na Garrida ou se, pola contra, ían ter en conta a maioritaria oposición veciñal a este proxecto. Na súa resposta, Caride, confirmou que o executivo local que preside Abel Caballero continúa prevendo incluír ese macropolígono novo Plan Xeral de Ordenación Municipal e deu conta de que para esa finalidade esta semana tramitarán a solicitude de modificación do Plan Sectorial de Áreas Empresariais do Instituto Galego de Vivenda e Solo, para incluír a ampliación que promoven para o mesmo e que duplica a extensión prevista no PXOU do 93.
Igrexas, que mantivo días atrás un encontro co CVC de Valadares, a Comisión de Afectadas/os da Garrida e Agapa, reitera o «total apoio do BNG á posición da veciñanza que maioritariamente rexeita un proxecto que ameaza un número importante de vivendas habitadas, algunhas delas despois de teren sido construídas recentemente, e que ten algunhas preocupantes afeccións ambientais».
O edil nacionalista sinalou, ademais, que nin o Goberno local nin a equipa redactora do novo PXOM lograron xustificar a necesidade dese macropolígono nunha parroquia xa afectada por outros ámbitos industriais como o Parque Tecnolóxico e Loxístico. «A día de hoxe non coñecemos a xustificación para este novo proxecto que ameaza con tronzar unha parroquia como Valadares», reprochou.
Desde o Bloque apostan por abrir un debate «sereno, pero sobre todo transparente e participativo, sobre as necesidades reais da cidade en materia de solo industrial e a súa ordenación» en lugar de deseñar «na escuridade dos despachos» polígonos como o da Garrida.
Iniciativa ao Parlamento galego
A fronte nacionalista anunciou que promoverán unha batería de iniciativas no Parlamento galego, a través da deputada Alexandra Fernández, co obxecto de demandar da Xunta de Galicia que non se autorice a ampliación do polígono da Garrida, rexeitando a modificación do Plan Sectorial de Áreas Empresariais.
«Estes días vimos e escoitamos a representantes do PP de Vigo asegurar, cremos que cinicamente, que están do lado da veciñanza que se opón a este polígono. Pero o que teñen que saber as veciñas e veciños da Garrida, de Valadares e do conxunto de Vigo, e que se esta barbaridade se fai realidade só poderá ser co acordo cómplice da Xunta do Partido Popular», advertiu Igrexas.